A Praza da Ferraría congregou a 2.000 rapaces na primeira das doce carreiras do Correlingua 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Correlingua 2016

Correlingua 2016

A Praza da Ferraría de Pontevedra acolleu esta mañá a primeira das citas do Correlingua 2016, que congregou ao redor de 2.000 rapaces e rapazas nunha xornada na que non faltou a música, a diversión e os agasallos. Tras un percorrido por varias rúas da cidade, que variaba segundo as idades do alumnado, todos e todas as participantes se reuniron na Praza da Ferraría nun acto lúdico presentado por integrantes da compañía Talía Teatro e que contou coa música en directo do grupo Cantalingua ‘Livio de Marrao’. Tras a actuación musical, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, saudaron aos rapaces e rapazas e participaron na entrega de agasallos aos centros educativos participantes.

Nas súas intervencións tanto Leal coma Oubiña animaron aos máis novos a defender o idioma galego usándoo a diario en todas as situacións da vida. Xosé Leal volveu reivindicar o uso da nosa fala como un signo de modernidade exhortando aos presentes “hai que falar galego, sexamos modernos”, mentres que Alberto Oubiña defendía que “a lingua témola na boca pero tamén no corazón”. Ademais, o deputado de Cultura e Lingua aproveitou a súa breve intervención para “agradecer a implicación e todo o traballo que fai o profesorado ao longo de todo o curso para que este proxecto siga vivo e se siga mantendo con este éxito de participación”.

O Correlingua 2016 comezou esta mañá en Pontevedra e continuará no resto desta semana na Coruña, Ourense, Burela e Vigo. Na vindeira semana, as citas serán en Monforte de Lemos, Ferrol, Lugo, A Estrada, Cangas do Morrazo e Santiago de Compostela. Finalmente, a última carreira terá lugar o 16 de maio en Ponteareas. Nesta edición, conta coa participación de arredor de 300 centros educativos a nivel galego, nos que se están a desenvolver actividades ao longo de todo o curso, rematando coa celebración destas carreiras reivindicativas a prol do idioma.

Hai que lembrar que estas carreiras son lúdicas e non teñen carácter competitivo, e que o seu principal obxectivo é a normalización do uso do galego nos centros escolares. Tanto a través destas actividades como a través dos concursos previos ás carreira, o alumnado introduce cuestións vinculadas coa situación e contexto lingüístico que os rodea nas aulas. Todo este traballo realizado durante varios meses finaliza coa celebración destas carreiras que tradicionalmente se realizan nas dúas semanas anteriores ao Día das Letras Galegas. Son andainas nos que o alumnado aproveita para amosar mensaxes a favor da súa lingua, e que se complementar cos concertos do Cantalingua, o concurso do Correlingua que pretende potenciar aos grupos que cantan en galego.

2 de maio de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.