A Policía Nacional localiza dúas escopetas e un rifle empregados na liorta no CHUO
A Policía Nacional, con apoio da Policía Local e a Garda Civil, procedeu á localización dun vulto que contiña dúas escopetas de caza e un rifle supostamente empregados no tiroteo no marco da liorta con dous feridos leves e dous detidos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
Segundo confirmou a subdelegación do Goberno en Ourense, a Policía Nacional detivo a Daniel G.B. e Moisés G.B. como presuntos autores dos disparos que o domingo sobre as 23,30 horas se produciron na entrada principal do CHUO
O tiroteo saldouse con dúas persoas, Eduardo M.J. e Francisco M.G., feridas “de escasa consideración”, segundo indicaron as mesmas fontes, que foron dadas de alta médica pouco despois.
CAUSA
A presenza de dúas mulleres embarazadas ingresadas en dúas plantas distintas do complexo hospitalario “parece que está na orixe da disputa”, segundo aclara a subdelegación do Goberno, que puntualiza que “esta procedía dun tempo anterior -entre dous clans de etnia xitana- e con vínculos de parentesco entre si”. Os agresores e agredidos son orixinarios do poboado da Fontela, no municipio de Maside.
Os disparos, uns 12 segundo datos da Policía Científica, procedían de escopetas e rifle. Os proxectís alcanzaron a fachada do edificio e o interior do vestíbulo, segundo aseguraron as mesmas fontes.
O vixilante de seguridade do complexo, segundo destaca a subdelegación, foi “testemuña de excepción” xa que “observou como os ocupantes dun vehículo Fiat Punto e dun Ford Focus efectuaban os disparos”.
Unha vez establecido operativo por parte do Corpo Nacional de Policía, con apoio de Policía Local de Ourense e Garda Civil, procedeuse á localización no casco histórico de Ourense dun vulto que contiña dúas escopetas de caza e un rifle.
DISPOSITIVO DE SEGURIDADE
Unha vez finalizadas as dilixencias máis urxentes, se procedeu a articular un dispositivo de seguridade coa Garda Civil “para garantir que non se puidesen reproducir episodios como o relacionado no traslado á súa localidade de orixe (Maside)”, segundo explicou a subdelegación del Gobierno.
Ademais, as mesmas fontes apuntaron que se están a levar a cabo “xestións para o esclarecemento dos feitos por parte de Brigada Provincial de Policía Xudicial, das cales está informada en todo momento a autoridade xudicial.
A operación mantense aberta e non se descartan novas detencións. De feito, fontes policiais explicaron que se busca o pai dos dous irmáns detidos.











