A plataforma de préstamo de libros electrónicos da Biblioteca Provincial da Coruña suma 400 usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Ebookdicoruna, a plataforma de préstamo de libros electrónicos da Biblioteca da Deputación da Coruña, acaba de cumprir o seu primeiro aniversario. A iniciativa púxose en marcha a finais abril de 2015 e dende decembro do ano pasado abriuse á incorporación dos socios de todas as bibliotecas da provincia. Neste tempo, un total de 397 usuarios de 18 bibliotecas públicas da provincia déronse de alta no servizo.

Por número de usuarios, destacan os socios da Biblioteca Municipal de Ferrol, que conta con 222 lectores/as, máis da metade do total de rexistrados nesta palataforma provincial de libros dixitais.

A través desta plataforma virtual, os 33.749 usuarios rexistrados da Biblioteca provincial e os milleiros de socios das 146 bibliotecas públicas e puntos de lectura existentes na provincia da Coruña poden, tras realizar unha simple inscrición na que se lles proporcionarán as claves de acceso, seleccionar as súas lecturas dixitais entre un amplo catálogo de 608 títulos, que inclúen algunhas das principais novidades editoriais en galego e castelán, obras de narrativa e poesía para público adulto e xuvenil, así como ensaios e sobre historia, arte, ciencia e outros temas de interese xeral.

Segundo os datos da Biblioteca Provincial, os ebooks máis demandados polos lectores coruñeses nos últimos dous meses foron o novo libro de Mario Vargas Llosa, “Cinco esquinas”; a obra ambientada na Costa da Morte e gañadora do premio Nadal “La víspera de casi todo”, de Víctor del Árbol, e “Nosotros, los de entonces” de Marta Rivera de la Cruz. “Galicia, Galicia”, de Manuel Rivas, “Una voz en la noche”, de Andrea Camilleri e “Irene”, de Pierre Lemaitre, están tamén no ranking dos máis solicitados.

A plataforma dixital Ebookdicoruna (ebook.dicoruna.es) e a aplicación homónima para dispositivos móbiles iOS e Android permiten ao usuario seleccionar gratuitamente entre as obras do catálogo ata dous libros durante un período máximo de 21 días, así como efectuar a reserva dun título determinado, no caso de que estea prestado. Unha vez rematado o prazo, o libro deixará de estar dispoñible nos dispositivos electrónicos.

Este sistema de préstamo conleva numerosas vantaxes para o usuario, que non ten que ir á biblioteca para solicitar o préstamo nin para devolver o libro, non hai sancións por retrasos na devolución, permiten compartir contidos en redes sociais e están dispoñibles as 24 horas durante os 365 días do ano. Ademáis, dentro do catálogo existen audiolibros e libros en formato DAISY, adaptados para persoas invidentes ou con dificultades de visión.

Inscribirse en Ebookdicoruna

Os usuarios da Biblioteca Provincial interesados en darse de alta no servizo só teñen que solicitalo no servizo de Información da Biblioteca ou no enderezo electrónico biblioteca.info@dacoruna.gal, mentres que os usuarios do resto da provincia poden facelo directamente dende a biblioteca pública ou punto de lectura do seu concello.

Ademáis de ser usuario rexistrado dunha biblioteca pública, só é necesario ser maior de 14 anos e dispor dun dispositivo compatible (ordenador, teléfono móbil, tablet ou e-reader) e unha conta de correo electrónico.

Préstamo de e-readers

A Biblioteca provincial dispón tamén dun servizo de préstamo de e-readers para os seus socios. O prazo do préstamo e de quince días, renovables por outros quince. Para elo, deberá asinarse un acta de entrega no que o usuario acepte a normativa de uso do dispositivo.

11 de maio de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.