publicidade hoxe

A parcelaria de Dodro-Laíño II disporá de máis de 21.000 metros de camiños cun investimento dun millón de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión coa xunta local de zona da concentración parcelaria de Dodro-Laíño II

Ángeles Vázquez na reunión coa xunta local de zona da concentración parcelaria de Dodro-Laíño II

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa xunta local de zona da concentración parcelaria de Dodro-Laíño II, no concello coruñés de Dodro, para explicarlles aos veciños interesados a nova rede de camiños. Estas vías servirán para dar acceso e servizo aos novos predios de concentración parcelaria e facilitar a comunicación para todos os vehículos aos distintos núcleos de poboación da zona.

A conselleira estivo acompañada neste acto polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, e polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza.

En total, dotarase á parroquia con algo máis de 21.000 metros de camiños, cun investimento de 947.187,47 euros. Serán 17 camiños de novo trazado cunha lonxitude total de 14.731,86 m (69%) e 5 camiños para acondicionar de 6.480,00 m (31%). O prazo de execución será de 3 anos.

As obras a realizar consistirán na limpeza do terreo, compactado da explanación, apertura de cunetas e retirada de terra vexetal. Tamén se procederá ao afirmado con grava nos camiños de nova apertura e a estender unha capa de rodadura nos entronques con vías asfaltadas e colocarase a sinalización axeitada para a seguridade viaria.

A concentración parcelaria de Dodro-Laíño II actúa sobre una superficie de 470 hectáreas que pertencen a 1.007 propietarios. Polo de agora, lévase investido neste proceso algo máis de 350.000 euros, correspondentes ao levantamento topográfico, bases definitivas, proxecto de camiños, estudos de impacto ambiental e arqueolóxico, etc.

Investimento de 22 millóns de euros

Este proceso de concentración parcelaria é un dos 137 abertos en Galicia, que a Xunta está a impulsar cun investimento de 22 millóns de euros para este ano. Afectan a unha superficie total de 119.003 hectáreas. O obxectivo é que todas as zonas estean en disposición de seren rematadas nos próximos 4 anos.

24 de maio de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.