publicidade hoxe

A Laracha, Gondomar, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, A Rúa e Betanzos acollen as actividades do ‘Falaredes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaA RúaBetanzosCuntisGondomarVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación leva esta fin de semana aos concellos da Laracha, Gondomar, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, A Rúa e Betanzos as propostas de dinamización lingüística do programa FalaRedes, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nesta última fin de semana de maio, as actividades concentraranse en dous espectáculos ben diferentes: Os Bolechas van ás Olimpíadas e Todo me fala de ti.

No caso dos Bolechas, os célebres irmáns creados por Pepe Carreiro, a primeira función terá lugar en terras bergantiñás. A cita é mañá, venres, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura da Laracha. Ao día seguinte, sábado, terán saída dobre. Pola mañá (12:30 horas), Os Bolechas estarán no Auditorio Lois Tobío de Gondomar e á tarde (19:00 horas) chegarán á Casa da Cultura de Cuntis. A familia animada máis famosa de Galicia pechará a fin de semana o domingo en Valdeorras, cunha función de tarde no Centro Cultural Avenida da Rúa (18:00 horas).

O espectáculo Os Bolechas van ás Olimpíadas está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois Os Bolechas van ás Olimpíadas ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas, con novos xogos, probas e sorteos.

Todo me fala de ti, Manuel María musicado para a xente miúda

Pola súa parte, o espectáculo musical Todo me fala de ti estará o sábado no Salón García de Vilagarcía de Arousa (18:00 horas) e o domingo na Aula de Cultura Xulio Cuns do Edificio Liceo de Betanzos (18:00 horas). O concerto, conducido por tres cantantes e músicos de primeira liña, como son Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro, é un magnífico pretexto para gozar en familia dos textos de Manuel María, autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

A función está baseada no álbum Canta o cuco, un traballo que bebe nos libros que Manuel María publicou pensando nos máis pequenos e pequenas. Todo me fala de ti recupera os versos do chairego e pásaos pola peneira do pop, do rock, do tango e incluso do son cubano. Sen dúbida, unha hora de concerto que fará vibrar a cativada e aos maiores que a acompañen.

As paradas da vindeira semana: Fisterra, Oleiros e Carral

A próxima fin de semana, a primeira do mes de xuño, o FalaRedes segue polas estradas do país. Os protagonistas exclusivos serán desta vez Os Bolechas. A primeira das paradas está marcada para o sábado, día 4 de xuño, en Fisterra. Alí, no Salón de Actos da Casa do Concello (18:30 horas), a rapazada fisterrá poderá mergullarse no espectáculo olímpico.

O domingo, 5 de xuño, o espectáculo Os Bolechas van ás Olimpíadas estará á mañá no municipio de Oleiros, concretamente nas Torres de Santa Cruz (12:00 horas). Pola tarde terán outra cita na comarca da Coruña, concretamente cos nenos e nenas do municipio de Carral. A función terá lugar no Local Xente Nova do núcleo de Tabeaio (18:00 horas).

FalaRedes 2016

O programa de dinamización lingüística FalaRedes chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar aforo.

Os obxectivos de FalaRedes son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

26 de maio de 2016 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.