A directora xeral de Xuventude entrega o premio da XXII edición do concurso Euroscola ao IES Plurilingüe Rosalía de Castro
O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago recibiu hoxe de mans da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, o premio que o acredita como o equipo gañador en Galicia da XXII edición do concurso Euroscola, unha iniciativa pedagóxica organizada pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España, en colaboración coa Representación en España da Comisión Europea e a Secretaría do Estado para a Unión Europea.
O equipo Eurorosalía, formado por 10 mozos e mozas de 4º da ESO e un profesor coordinador, recibiron como premio unha axuda económica para a súa participación na final de Euroscola, que terá lugar na sede en Estrasburgo (Francia) do Parlamento Europeo e unha mochila con material didáctico para cada un dos membros do equipo, así como material escolar e didáctico para o centro.
Esta edición do concurso Galeuropa estivo adicada aos 30 anos de España na Unión Europea (1986-2016). Os equipos participantes desenvolveron un blog para reflexionar cos mozos e mozas sobre o proceso de transformación de España a partir da súa integración na Unión Europea en 1986; promover o pensamento crítico, valorar o que alcanzamos e analizar os desafíos e retos que se formulan para o futuro.
Os obxectivos fundamentais desta iniciativa son os de fomentar o uso de internet e das novas tecnoloxías como ferramentas educativas; achegar a UE aos mozos e mozas, mellorando os seus coñecementos e implicación na construción de Europa; e fomentar a aprendizaxe das linguas europeas, fundamental para conseguir unha Europa unida; por iso, o concurso se desenvolve tamén en inglés.











