A Deputación da Coruña apoia o funcionamento de oficinas de turismo en concellos de menos de 50.000 habitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A deputación da Coruña convoca unha nova liña de axudas para concellos de menos de 50.000 habitantes co fin de financiar os gastos de persoal das oficinas de turismo. O obxectivo é garantir o funcionamento de servizos de información turística en pequenos e medianos concellos.

A área de Turismo da Deputación da Coruña convoca por vez primeira unha liña de subvencións específica para o financiamento das retribucións do persoal técnico para oficinas de turismo de concellos e agrupacións de concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes por un período mínimo de 4 meses durante o ano 2016. O importe máximo da subvención será de 20.000 €.

A convocatoria contempla que as oficinas ofrezan información local e tamén do xeodestino no que se insiren ademais da provincia da Coruña. A nova liña insírese na estratexia de promoción da área de Turismo, que dirixe o nacionalista Xosé Regueira, de apostar por un turismo sustentábel e de calidade artellado en seis xeodestinos coas súas particulares potencialidades. “Rías Altas: Ferrolterra e Eume”, “Rías Altas: A Coruña e As Mariñas”, “Costa da Morte”, “Terras de Santiago”, “Rías Baixas: Ría de Muros e Noia” e “Rías Baixas: Ría de Arousa” son os seis destinos que centran a oferta cultural da Deputación da Coruña que se verán promocionados tamén a través das oficinas de información locais que se potencian con esta nova liña de apoio para dotalas de persoal técnico especializado. A liña reverterá tamén na creación de emprego no sector turístico.

O persoal técnico contratado deberá posuír algúns dos seguintes títulos: Técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Técnico en Empresas e Actividades Turísticas, Grado ou diplomado en Turismo ou equivalente, Grado ou licenciatura en Historia da Arte ou Grao ou licenciatura en Humanidades.

12 de maio de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.