A Coruña acolle a primeira parada da mostra itinerante sobre a figura e obra de Manuel María

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A biblioteca Miguel González Garcés da Coruña será a primeira parada da exposición itinerante sobre a figura e obra de Manuel María, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e que circulará por 13 localidades da comunidade durante os próximos meses.

Á inauguración acudiron, entre outros representantes, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. Ambos subliñaron a relevancia da obra de Manuel María e a súa transcendencia para a sociedade galega.

A exposición ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’ achega a vida e obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas a través de dez paneis explicativos.

“A obra de Manuel María nunca morre”, asegurou o rexedor herculino durante a súa intervención, na que fixo fincapé na defensa da obra deste autor. “Non pode quedar no esquecemento. É responsabilidade de todos garantir o futuro das súas palabras”, incidiu.

“ESCAPARATE” DA CULTURA GALEGA

Mentres, o conselleiro de Cultura comentou que Manuel María, a través da súa obra, foi capaz de “conectar coa xente” e “transmitir a súa maneira de ver Galicia”.

Rodríguez tamén destacou a importancia das Letras Galegas, unha celebración que cualificou como “o maior escaparate para a promoción e posta en valor da cultura galega”. “É unha mostra da nosa viveza”, asegurou.

Así mesmo, durante a súa intervención, fixo fincapé na transcendencia que ten a cultura na sociedade: “É o eixo que nos vertebra como país”, dixo.

Tras o seu paso pola cidade herculina, a mostra trasladarase a Outeiro de Rei -localidade onde naceu Manuel María-. Santiago, Vilalba, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra serán outros dos puntos polos que viaxará esta exposición.

5 de maio de 2016 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.