A Consellería do Mar mellora as condicións de traballo do sector de Mugardos
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de executar melloras no peirao coruñés de Mugardos que repercutirán no reforzo das condicións de traballo do sector profesional na zona. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á confraría de pescadores da localidade.
Durán Hermida explicou que o organismo que preside vén de realizar un investimento de 32.186 euros na renovación das defensas existentes no peirao de descarga e avituallamento, que utilizan diariamente os profesionais do mar. En concreto situáronse 10 defensas de caucho tipo V-300 e retiráronse as de rosario existentes con anterioridade.
Ademais, Portos de Galicia reforzou o alumeado nas instalacións de carácter náutico recreativo do municipio. Para este fin, o ente público investiu recentemente 10.184 euros na instalación de columnas de fibra de vidro destinadas ao alumeado de todas as liñas de atraque deste peirao. Finalmente, procedeuse á substitución de pequenos elementos dos pantaláns desta mesma zona.