publicidade hoxe

A Consellería do Mar inicia a instalación de novos ‘fingers’ no peirao de Camariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCamariñas
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, vén de iniciar a colocación de 31 novos fingers, brazos de amarre, no peirao coruñés de Camariñas. O presidente do ente público, José Juan Durán visitou esta mañá a zona para comprobar a colocación destas dotacións que darán servizo a máis de medio centenar de barcos do sector profesional pesqueiro.

Con esta actuación, que conta cun orzamento de 39.600 euros, refórzase a seguridade das embarcacións amarradas no porto, mellorando as condicións de traballo dos profesionais do mar. En total serán unha trintena os fingers de 5 e 6 metros de lonxitude que se instalarán nos vindeiros días.

O presidente de Portos confirmou tamén durante a súa visita a Camariñas que o ente público está a traballar tamén na elaboración dun proxecto para a ubicación dunha canle de recollida de líquidos residuais no peirao, tal como solicitara a Confraría de Pescadores. Así mesmo, estase a traballar nunha proposta para a mellora do pavimento na contorna da lonxa e a fábrica de xeo, que mellorará as condicións de circulación dos vehículos de transporte de mercadorías na zona.

Finalmente, Durán Hermida visitou tamén os peiraos de Camelle e Arou para comprobar os traballos executados en ambos puntos para a reparación de diversos danos ocasionados polas condicións climatolóxicas do pasado inverno. O titular de Portos, lembrou que en total, o investimento do ente nos peiraos do municipio neste ano superará os 72.000 euros.

24 de maio de 2016 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.