publicidade hoxe

A Consellería do Mar delimitará a zona de varada do porto de Bueu cun muro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comezará nos vindeiros días a construción dun muro baixo para o peche do perímetro da zona de varada do porto de Bueu. Este muro, que supón un investimento de 16.600 euros, será duns 162 metros de lonxitude e sobre el colocarase un enreixado.

Por outra banda, están rematadas ou a piques de rematar diversas obras de mantemento e conservación como o acondicionamento da lonxa, o repintado dos pilotes dos pantaláns e o levantamento dunha pasarela. O investimento total de todas estas actuacións supera os 66.000 euros e son actuacións solicitadas polo patrón maior da confraría de pescadores.

Nas oficinas da lonxa estanse realizando obras de eliminación de humidades en diferentes puntos dos paramentos interiores e estase colocando tarima flotante en toda a superficie, incluídos os aseos. Ademais, estase levando a cabo o lixado e pintado de varias zonas e acometerase a impermeabilización da cuberta da lonxa. Esta actuación consistirá na limpeza do teito con auga a presión e na aplicación dunha capa de revestimento elástico impermeabilizante nos 670 metros cadrados da superficie.

A maiores, estanse rematando as obras de pintado dos 44 pilotes dos pantaláns e fingers da dársena do porto nos que tamén se están a realizar labores de mantemento que consisten en repoñer a súa protección cun produto illante.

18 de maio de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.