A conselleira do Medio Rural destaca que o fomento do consumo de leite beneficia a un sector estratéxico para Galicia

Ángeles Vázquez no “Día do sector lácteo” en Ourense
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe a importancia da promoción e posta en valor do leite galego como fórmula para impulsar o seu consumo e beneficiar a este sector, estratéxico dentro da economía da comunidade. Lembrou, neste sentido, os esforzos da Xunta para o fomento do sector leiteiro galego, que se plasman en diferentes medidas, como axudas, iniciativas legais a prol da súa ordenación e maior transparencia ou a posta en marcha dun Plan de Fortalecemento que contempla accións a curto, medio e longo prazo.
Neste contexto, a conselleira anunciou que a Xunta aboará este venres outros 11 millóns de euros correspondentes ás axudas da Política Agraria Común (PAC). Con estas achegas son máis de 150 os millóns de euros tramitados dentro dos pagos directos da PAC en Galicia da campaña 2015-2016.
A conselleira estivo en Ourense con motivo da celebración do “Día do sector lácteo” dentro da campaña “Quere o teu mercado”, promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Estivo acompañada polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Neste acto, a conselleira salientou de maneira especial o papel relevante do selo de calidade diferenciada Galega 100%, polo que representa de referente de excelencia e de identificación do produto co territorio.
Ángeles Vázquez incidiu tamén en que os mercados de proximidade –como este de abastos de Ourense– favorecen as canles curtas de comercialización e dan saída aos produtos do agro, xerando unha conexión directa entre produtores e consumidores.











