A conselleira do Medio Rural destaca a importancia da nova aula de produtos lácteos da USC

Ángeles Vázquez na visita ás instalacións
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá en Lugo a importancia da nova Aula de Produtos Lácteos do Instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de lograr sinerxias a prol deste sector tan estratéxico e importante para Galicia.
Ángeles Vázquez, quen estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou as novas instalacións desta aula, cuxa principal actividade se centra na investigación, desenvolvemento e innovación de produtos lácteos, complementada con outras actividades como a formación, a asistencia técnica a empresas, análises de alimentos e área TIC.
A conselleira destacou a aposta polo I+D+i que está levando a cabo este centro, co fin de converterse nun lugar especializado e fiable para as empresas e entidades do sector lácteo e alimentario que busquen solucións para xerar valor nos procesos empresariais. Para isto conta cunha planta piloto semiindustrial, que se atopa entre as máis completas do país, dotada dunhas instalacións e medios técnicos que permiten reproducir os procesos industriais máis representativos da industria láctea e alimentaria.
3,2 millóns de euros para innovación no medio rural
Precisamente a Xunta destinará un total de 3,2 millóns de euros nos anos 2016 e 2017 a apoiar iniciativas relacionadas coa innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.
A orde de axudas, que financiará proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e apoiará iniciativas piloto e o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, sairá proximamente no Diario Oficial de Galicia, trala súa aprobación este mércores no Consello da Xunta.
Novas instalacións
A planta piloto de industrias lácteas ocupa unha superficie de 575 m2 repartidos nunha área de produción, laboratorios, área de administración, sala de máquinas, vestiarios e aseos e accesos e corredores.
As instalacións e medios técnicos cos que está dotada permiten reproducir a escala reducida os procesos máis representativos da industria láctea como recepción de leite cru, termización e estandarización do leite, tanto en materia graxa, como en proteínas e extracto seco. Tamén se pode realizar nesta planta a pasteurización e homoxeneización do leite e produtos lácteos, a elaboración de queixos, de leites fermentados (iogures firmes, batidos, líquidos…) e de produtos UHT (produtos líquidos, produtos viscosos…).











