A Comisión Provincial de Vivenda proporá o 20 de maio a adxudicación de dúas vivendas a familias viguesas en proceso de desafiuzamento
A Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra reunirase o próximo venres, 20 de maio, para propoñer a adxudicación de dúas vivendas nos concellos de Vigo e de Moaña a dúas familias afectadas por procesos de desafiuzamento no Concello de Vigo. Hoxe mesmo unha das persoas afectadas puido visitar a vivenda, cedida por una entidade financeira, que a Xunta puxo á súa disposición en Moaña e expresou a súa aceptación da mesma. A adxudicación final das vivendas correspóndelle á conselleira de Infraestruturas e Vivenda a proposta da Comisión Provincial.
Con estas dúas adxudicacións, a Xunta dá resposta á demanda das tres familias viguesas afectadas por desafiuzamentos cuxos casos se coñeceron nas últimas semanas, xa que hoxe mesmo se asinou o contrato de alugueiro dunha vivenda en Salvaterra do Miño adxudicada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ao terceiro dos afectados.
Finalmente as tres familias serán realoxadas en vivendas cedidas á Xunta por entidades financeiras. A adxudicación realízase en réxime de alugueiro social, polo que o importe mensual do mesmo será inferior a 75 euros.
A Xunta reitera a solicitude de que o Concello de Vigo se adhira ao Programa de Vivendas Baleiras e inclúa no mesmo as vivendas de propiedade municipal da rúa República Arxentina, así como as tres vivendas baleiras que o propio Instituto Galego da Vivenda e Solo lle cedeu gratuitamente á Administración local, tendo en conta que a normativa non permite manter vivendas de promoción pública baleiras.
No pasado mes de xaneiro o Concello de Vigo instou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a adxudicar vivenda a unha vítima de violencia de xénero no canto de realoxala nas vivendas de titularidade municipal presuntamente reservada para o dito fin. A demandante foi realoxada nunha vivenda propiedade da Xunta.











