A Comisión de Dirección da reserva do Gerês-Xurés reúnese para facer balance de xestión e establecer accións futuras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A comisión de dirección transfronteiriza da reserva da biosfera Gerês-Xurés reuniuse esta mañá co fin de facer un balance de xestión das actuacións desenvolvidas ata o de agora, así como para establecer accións futuras. A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, participou hoxe neste encontro -a cuarta reunión deste órgano directivo-, que tivo lugar na Vila do Gerês.

Na xuntanza, os xestores proporcionaron información sobre o resultado das actuacións levadas a cabo ata o momento e avanzouse no deseño de novas accións. Tratouse especialmente a candidatura presentada ao POCTEP para iniciar o financiamento das actuacións do Plan de acción xa aprobado.

Esta candidatura ten como obxectivo dinamizar esta Reserva da biosfera, e fortalecer a súa entidade e identidade propia. Busca tamén fomentar a participación activa dos actores do territorio, promover o seu desenvolvemento económico e turístico, e protexer e conservar o patrimonio natural e cultural. Así, potenciará actuacións concretas tales como o deseño de rutas, de sendeirismo ou bicicleta; ou a mellora da atención aos visitantes, a través de puntos de información e unha mellor sinalización.

Con todas estas medidas, búscase beneficiar a visitantes, xestores e, en particular, habitantes da zona.

A reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés foi declarada pola UNESCO o 27 de maio de 2009 e abrangue os concellos galegos de Lobios, Entrimo, Muíños, Bande, Lobeira e Calvos de Randín, xunto cos portugueses de Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terras de Bouro e Montealegre.

11 de maio de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.