A Cidade da Cultura súmase ao proxecto ‘Homenaxe a Joseph Beuys’ impulsado pola comunidade escolar de Arousa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, apoia o proxecto de ‘Homenaxe a Joseph Beuys’, unha iniciativa didáctica enmarcada dentro da V Semana Internacional da Educación Artística da Unesco na que participan más dunha vintena de centros escolares de infantil, primaria e educación especial, asociacións de pais e institucións da comarca de Arousa, e que conta coa colaboración dos alumnos do Master de Educación da Universidade de Santiago.
Co obxectivo de achegar a arte e estimular a creatividade das novas xeracións, este proxecto consistiu na elaboración dunha instalación colectiva, formada por un conxunto de cadeiras recicladas e forradas de diferentes plantas, na meirande parte dos casos procedentes dos xardíns e hortos ecolóxicos dos centros. Co título ‘Homenaxe a Joseph Beauys’, o proxecto expresa a inspiración nas ideas deste creador alemán, quen sostiña que cada persoa leva un artista dentro e que a arte debe formar parte da vida.
O proxecto, coordinado pola artista Cris Sierra-Villegas, directora da Escola de Arte Liceo Casino de Vilagarcía, foi presentado esta mañá en Vilagarcía, nun acto ao que asistiu a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e que contou con representantes dos concellos participantes: Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados e A Illa. As pezas, que se poderán visitar en Vilagarcía a partir do 19 de maio, chegarán ao Gaiás o sábado 21, no marco do programa do Día dos Museos.
Ademais de en Vilagarcía e na Cidade da Cultura, estas pezas recorrerán outras localidades, como A Illa de Arousa, onde poderán visitarse na praia de O Bao (22, maio); o Concello de Cambados (23 de maio), que as exhibirá no Paseo da Calzada e no Praza do Concello en Vilanova de Arousa (24 de maio).











