A Audiencia de Pontevedra declara nulas dúas cláusulas hipotecarias por abusivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Europa Press

A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra declarou por primeira vez abusivas dúas cláusulas incluídas nun empréstito hipotecario, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

En relación á primeira das cláusulas cuestionadas, relativa ao cálculo dos intereses tomando como base da liquidación o ano comercial de 360 días, a sala entende que tal estipulación carece de xustificación.

“Que no momento da liquidación do saldo poida tomarse como basee o ano comercial de 360 días e en cambio se utilice o mes natural para o cálculo da remuneración de intereses, 31 ou 30 días, constitúe unha práctica que xera un desequilibrio importante e inxustificado nos dereitos e obrigas das partes que prexudica sempre a esta”, sinala en alusión ao consumidor.

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Francisco Javier Menéndez Estébanez, sostén que o cálculo dos intereses coa utilización do criterio do ano comercial é unha cláusula abusiva e, polo tanto, “nula”. No seu fallo, argumenta que non pode dicirse “que supere o control de transparencia, dado que non consta en modo ningún que o apelante fose informado axeitadamente das consecuencias económicas negativas que ten exclusivamente para el a aplicación da devandita cláusula”.

PROHIBICIÓNS AO CLIENTE

Con respecto á segunda cuestión que se estudou no recurso de apelación, nela cuestiónase a prohibición ao cliente de hipotecar, gravar, vender ou arrendar o inmoble sen o consentimento do prestamista.

“Para os maxistrados, esa prohibición ou limitación a calquera negocio que incluíndo tamén o arrendamento en calquera circunstancia, así como a facultade de hipotecar, gravar implique a transmisión da posesión, ou allear, implica un claro desequilibrio nos dereitos”.

A sala tamén declara nula esta cláusula ao entender que o consumidor “ve limitadas as facultades fundamentais do seu dereito de propiedade, que ademais lle impide practicamente calquera explotación económica desta durante, nada máis e nada menos, que case 38 anos”.

10 de maio de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.