A AECC solicita fondos en Santiago e recibe o apoio e donativo do alcalde e Compostela Aberta
A Asociación Española contra o Cancro na súa delegación compostelá realizaron este martes unha campaña de recollida de fondos para a entidade, que ten como obxectivo chegar aos enfermos e cubrir as necesidades das persoas e a súa contorna. Recibiu o apoio e a visita do alcalde da capital galega, Martiño Noriega, quen lle entregou un donativo do grupo municipal de Compostela Aberta.
En declaracións aos medios, Noriega destacou o “gran traballo de sensibilización” desta asociación sobre unha das enfermidades que afecta a homes e mulleres. “E nese sentido queriamos vir para dar o noso apoio e dar unha achega desde o grupo de goberno, de Compostela Aberta, á asociación”, apuntou.
Pola súa banda, a presidenta da asociación en Santiago, Luz Hernández, explicou a relevancia da recadación de fondos, xa que con estas contías permítelles desde dedicar partidas a investigación, como ao propio funcionamento interno, que conta con psicólogos para atender ás familias e un logopeda. De feito, a asociación é a segunda entidade privada que dedica máis fondos á investigación.
Luz Hernández enviou unha mensaxe de “esperanza” e destacou o servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Sobre unhas queixas sobre atrasos nas citas deste servizo, manifestou que “si, producíronse atrasos, pero foi un tema puntual e que, de feito, xa se emendou”.











