25 concellos da provincia de Lugo son potenciais beneficiarios das axudas para a posta en marcha das Casas-Niño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, continua a rolda de visitas ás catro provincias galegas para explicar as principais novidades da orde que regula a concesión de axudas para a posta en marcha das Casas-Niño. Nunha comparecencia ante os medios de comunicación na sede territorial da Xunta en Lugo, Amparo González destacou que este programa proporcionará 150 novas prazas de atención continuada para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. A titular autonómica informou que na provincia lucense, un total de 25 concellos son potenciais beneficiarios destas axudas.

Así, as Casas Niño son un recurso orientado a atender as necesidades de conciliación das familias e favorecer a igualdade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. A Consellería de Política Social é a impulsora desta iniciativa piloto que se pon en marcha por primeira vez en Galicia e que conta con con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Amparo González explicou que cada Casa Niño atenderá un máximo de 5 nenos/as, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nas casas. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará co/a profesional. A atención prestada comprenderá a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do neno ou nena.

Beneficiarios das axudas

Segundo se recolle na convocatoria, poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha Casa Niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que estean en posesión ou conten cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social. Tamén poderán optar ás axudas aquelas persoas que posúan o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presenten formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

Por outra banda, quen concorra ás axudas, deberá residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade e contar cunha vivenda dotada con sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos. Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos e nenas para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva prestando atención, ademais de ao número de nenos e nenas que poderían beneficiarse do recurso, a factores como a dispersión xeográfica e ao envellecemento da poboación para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial. Así mesmo, para contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, as menores de 35 anos e maiores de 55 anos, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración Autonómica), e as mulleres vítimas de violencia de xénero.

As persoas interesadas nesta convocatoria teñen de prazo un mes para presentar as solicitudes, a contar a partir da data de hoxe.

Orzamento

Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de Casa Niño así como o seu equipamento e dotación material e a prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos elixibles, cun límite máximo global por Casa Niño de 15.000 euros. A achega pola prestación da atención personalizada consistirá nunha prima de 19.6000 euros/ano, destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. A convocatoria conta cun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinados ao desenvolvemento deste proxecto ata o 31 de decembro de 2019 nun máximo de 30 Casas niño.

Cómpre destacar que os nenos e nenas que acudan á Casa Niño deberán estar empadroados/as no concello no que se emprace este tipo de fogar, ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de 0 a 3 anos.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica informou de que con esta actuación preténdese crear recursos de conciliación para as familias e oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Ademais, se impulsa e apoia as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio. Os nenos e nenas que acudan á Casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello no que esta se emprace ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia. A día de hoxe hai en Galicia 107 concellos potenciais beneficiarios por cumprir os requisitos anteriormente mencionados.

24 de maio de 2016 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.