200 xóvenes comezan a súa primeira experiencia laboral da man da Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acolleu esta mañá ás 200 mozas e mozos con titulación universitaria e graos superiores de formación profesional que realizarán a súa primeira práctica laboral, durante un ano, tanto en servizos da propia institución provincial como en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
As 200 mozas e mozos do Plan de Práctica Laboral foron recibidas e recibidos pola Presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen lles deu a benvida e aproveitou a ocasión para reivindicar a necesidade de “dar resposta a un problema estrutural” ante o desemprego. Silva subliñou que “somos moi conscientes do problema real da sociedade que é o desemprego, a perda de dereitos, que mozas e mozos como vós, moi formados, cando rematades os vosos estudos atopades serias dificultades para poder construír unha vida digna”. Neste eido, engadiu que “aínda que non temos competencia en materia de emprego, estamos a facer todo o que está nas nosas mans ante esta situación insostible que provoca que un 43% das mozas e mozos do mundo se atopen en situación de desemprego”.
Sobre o Plan de Práctica Laboral, Carmela Silva manifestou que se trata “dun parche” e manifestou que “pese a que estamos a destinar 15 millóns de euros e un 20,5% máis de investimentos que o ano anterior á promoción de emprego e a que creamos 3.300 postos de traballo e prácticas laborais, é preciso realizar unha reforma laboral completa que modifique o modelo existente para permitir que teñades un emprego digno que impulse o voso desenvolvemento, para frear a precariedade laboral que sufrides, para que teñades máis oportunidades e que a sociedade poida seguir avanzando” .
As mozas e mozos do Plan de Práctica Laboral en servizos da Deputación de Pontevedra e concellos de menos de 50.000 habitantes terán unha remuneración que oscila entre os 800 €, para persoas con titulación universitaria, e os 700 €, con ciclos superiores de formación profesional, por xornadas de 37,5 horas semanais, cotizando á seguridade social e con dous días de descanso por mes traballado. A través desta actuación, a institución provincial pretende completar a formación académica das mozas e mozos e facilitar a súa inserción laboral.











