Xuventude abre o prazo para a inscrición no programa de intercambio coa prefectura de Wakayama
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca, no marco do programa de mobilidade “A Xuventude no mundo”, un intercambio á Prefectura de Wakayama (Xapón) que se desenvolverá entre o 4 e o 11 de xullo de 2016. Durante esa semana, os mozos e mozas galegos coñecerán a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes, terán a oportunidade de interactuar coa mocidade xaponesa en distintas actividades e durante os tres últimos días convivirán con familias xaponesas de acollida.
O número de prazas convocadas son 15 e os/as destinatarios/as desta iniciativa son os mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de celebrarse o intercambio. A inscrición realizarase mediante o envío do formulario electrónico a través do portal www.xuventude.xunta.es e o prazo de inscrición estará aberto ata o 2 de maio.
Wakayama e Galicia aprobaron no ano 1988 o seu irmanamento e, dende entón, foron varios os programas realizados conxuntamente, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así, con este grupo de mozos e mozas galegos, esta será a duodécima experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama dende o ano 2010. Ao longo destes anos, esta iniciativa contou cun total de 180 participantes galegos/as e xaponeses/as con culturas moi distintas pero unidos por un gran vínculo como son os itinerarios de peregrinación de cada rexión: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, ambas rutas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
Os intercambios xuvenís permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, tradicións, costumes e estilos de vida, sobre todo a través da aprendizaxe entre iguais. Así mesmo axudan a consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade e facilita a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas. Este amplo proceso de aprendizaxe realízase a través de métodos de educación non formal, deste xeito, os participantes neste intercambio, poderán solicitar o certificado de educación non formal en materia de xuventude ao abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2015, publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia do 25 de marzo.
A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios en canto a políticas de Xuventude, a promoción da mobilidade xuvenil entendida cunha participación activa, xa que os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos e mozas na vida social, cultural e educativa da rexión á que temporalmente se van desprazar.
Ademais, no ano 2014 a administración autonómica puxo en marcha o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016. Horizonte 2020 no que se recollen as políticas públicas en materia de xuventude desenvolvidas polas diferentes consellerías da Xunta de Galicia. Un documento que ten como un dos seus eixos prioritarios a promoción da mobilidade xuvenil a través de programas como A Xuventude no mundo, Galeuropa ou Erasmus+.











