Xunta, Ministerio e Concello de Santiago avanzan no impulso da estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello de Santiago avanzaron hoxe no impulso da estación intermodal de Santiago a través de acordos sobre a cesión dos terreos necesarios e a conexión entre terminais.

A directora xeral de Mobilidade da Xunta, Helena de Lucas, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo co concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade de Santiago, Jorge Duarte, e representantes do Adif para abordar o desenvolvemento da infraestrutura, na que están implicadas as tres administracións.

Neste encontro, a Xunta de Galicia reiterou a importancia estratéxica que a estación intermodal ten para Santiago como cidade e como capital de Galicia e lembrou os seus avances no deseño da estación de autobuses. Desde ese punto de vista insistiu na necesidade de que existan avances e compromisos concretos tamén tanto por parte do Concello como do Adif.

De acordo co compromiso demandado pola conselleira de Infraestrutas, Ethel Vázquez, o pasado luns nunha reunión con representantes do Ministerio de Fomento, Adif confirmou hoxe que se encargará da redacción do proxecto da pasarela que servirá de conexión entre a terminal ferroviaria e a nova estación de autobuses, o factor que achegará a auténtica intermodalidade á infraestrutura. Pola súa banda, a Xunta asume a licitación das obras, que serán cofinanciadas polas tres administracións.

Así mesmo, tanto o Concello de Santiago como o Ministerio de Fomento avalaron a proposta formulada pola Xunta para que os terreos necesarios para a intermodal sexan cedidos polo Adif e sexan compensados con aproveitamentos urbanísticos.

Os representantes das tres administracións emprazáronse a unha nova reunión proximamente e o Ministerio de Fomento avanzou que no vindeiro mes estará en disposición de presentar o anteproxecto de adecuación ferroviaria, cuxo desenvolvemento prevé executar por fases.

Unha vez concretados estes avances e coa constatación do traballo que está a desenvolver tamén o Ministerio de Fomento, a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, reiterou o seu emprazamento ao Concello para que inicie as actuacións enmarcadas na súa competencia.

Así reclamou que se poñan en marcha os traballos encamiñados a garantir que a nova estación de autobuses, en cuxo proxecto está a avanzar a Xunta de Galicia, conte cos accesos axeitados e non se produzan retrasos.

Ademais, lembrou que cómpre iniciar a redacción do plan especial para dotar a estación terminal do amparo urbanístico necesario para o seu desenvolvemento

21 de abril de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.