publicidade hoxe

Xunta e Red Eléctrica colaboran na restauración ecolóxica de 41 hectáreas de monte en Outes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOutes
A-
A+
Ángeles Vázquez no acto simbólico de plantación

Ángeles Vázquez no acto simbólico de plantación

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no acto simbólico de plantación de árbores no monte Tremuzo, dentro do concello coruñés de Outes, que se enmarca na restauración ecolóxica deste espazo forestal desenvolvida pola Xunta en colaboración con Red Eléctrica de España, empresa que achegou un total de 200.000 euros para poñer en marcha este proxecto.

Neste contexto, Red Eléctrica está promovendo ademais diferentes charlas informativas en colexios da zona para concienciar aos máis pequenos da importancia de coidar e poñer en valor o monte, polos seus valores ambientais, paisaxísticos, sociais e económicos.

Ángeles Vázquez estivo acompañada neste acto por Juan José Prieto Maestro, director de Servizos para o Transporte de Red Eléctrica, e polo delegado rexional desta empresa, Carlos González Patiño, así como polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o alcalde de Outes, Carlos López Crespo. A conselleira destacou que estas actuacións permitirán o restablecemento da vexetación forestal arborada autóctona nunha superficie de preto de 41 hectáreas deste monte, para favorecer a recuperación da súa flora e fauna, así como a calidade da súa paisaxe.

A titular de Medio Rural puxo en valor a cooperación público-privada entre a Administración galega e a empresa eléctrica, que se plasmou nun convenio asinado o pasado 25 de novembro en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En virtude deste documento, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a realizar o mantemento da repoboación, ademais de asumir a dirección facultativa das obras, a vixilancia dos traballos e o trámite dos permisos e autorizacións pertinentes.

Ángeles Vázquez destacou tamén o compromiso da Xunta co futuro forestal de Galicia, que se pon de manifesto con feitos como o de duplicar o investimento produtivo no monte, ao pasar de case 25 millóns de euros en 2015 a preto de 51 millóns neste exercicio.

O “Bosque de Red Eléctrica”

Este proxecto no monte Tremuzo forma parte da iniciativa o “Bosque de Red Eléctrica”, posta en marcha no 2009 e dirixida á conservación da biodiversidade e a loita contra o cambio climático. Esta acción fixo posible a restauración ecolóxica de 11 bosques en diferentes puntos de España, cun investimento total de 1,44 millóns de euros. Actuouse en 665 hectáreas, coa plantación de máis de 473.000 árbores e arbustos de distintas especies, o que permitirá a compensación de arredor de 134.000 toneladas de emisións de CO2 ao longo de toda a súa vida. Máis información sobre esta iniciativa na seguinte ligazón: http://www.ree.es/es/sala-de-prensa/monograficos/el-bosque-de-red-electrica.

19 de abril de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.