Villanueva confirma que non hai indicio criminal na morte de Brais Bogo
O delegado do Goberno, Santiago Villanueva, confirmou que na morte “por afogamento” de Brais Bogo, o mozo ferrolano desaparecido o 18 de marzo cuxo corpo foi achado o pasado martes no río Sar en Santiago, “non hai ningún indicio criminal”.
A preguntas da prensa, Santiago Villanueva ratificou que “a morte foi por afogamento, por inmersión”, de forma que “non hai nada que indique outra cousa diferente ou estraña que poida haber”.
Aínda que se van “seguir facendo analíticas do contido do corpo”, Villanueva sostén que “non foi unha morte violenta”, pois a “serie de golpes” que presenta “pode ser consecuencia de ser arrastrado pola auga, golpearse con pedras ou vexetación”.
“Non hai nada máis que nos indique algo diferente”, deixou claro o delegado do Goberno, antes de agregar que “se caeu ou se tirou, iso é moi difícil determinalo”.
Por iso, incide en que “non hai ningún indicio criminal que indique que poida haber outra causa diferente” a “ou que caias ou que esvares ou que te poidas tirar”.
DESAPARICIÓN
Brais Vogo foi visto por última vez o pasado 18 de marzo en Santiago de Compostela, onde residía e traballaba. O sábado, o mozo de 24 anos debía viaxar ata a súa cidade natal, Ferrol, para reunirse coa súa familia, pero non chegou.
Familiares e amigos comezaron entón unha intensa campaña de busca a través de carteis coa súa fotografía e mensaxes nas redes sociais, que chegaron a distintos puntos de España coa esperanza de que Brais Vogo puidésese ir pola súa propia vontade e alguén puidese dar noticias do seu paradoiro. Non obstante, finalmente confirmouse o seu falecemento.
Axentes da Policía Local que participaban nun operativo de busca para dar co mozo localizaron a última hora da tarde do martes un corpo no río Sar ao seu paso pola zona de Conxo, nas proximidades do colexio Santa Apolonia.
O cadáver foi trasladado entón ata o instituto de medicina legal de Santiago para practicarlle a autopsia e a familia do desaparecido foi avisada.











