Vázquez Almuiña destaca a apertura do hospital Lucus Augusti como o fito máis salientable nos últimos 25 anos da sanidade luguesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na inauguración da mostra

O conselleiro de Sanidade na inauguración da mostra

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe a apertura do Hospital Universitario Lucus Augusti como o fito fundamental que aconteceu en Lugo dende o traspaso das competencias sanitarias do Insalud ao Servizo Galego de Saúde. Tamén destacou que se pasou de ter non máis dunha ducia de centros de saúde a preto dun cento deles, polo menos un en cada concello da provincia. Construíronse moitos centros novos, como os de Sarria, Illas Canarias en Lugo, Viveiro, Burela, entre outros, e renováronse a práctica totalidade dos mesmos. E de contar cun só hospital para toda a provincia, pasouse a dispor de tres.

Vázquez Almuiña inaugurou hoxe a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde, que acolle o Hospital Lucus Augusti, onde destacou a chegada dos primeiros TAC aos hospitais de Lugo: Xeral Calde, en marzo de 1988; Hospital da Costa, en febreiro de 1996; e ao Hospital de Monforte, en abril dese mesmo ano. A primeira resonancia magnética nuclear de Lugo chegou ao Xeral Calde en abril de 2001.

Tamén remarcou, especialmente, a posta en marcha de oncoloxía nos hospitais de Monforte e Burela; a creación dunha unidade de hemodinámica no Hula en 2014, ou a recente posta en marcha de radioterapia, tamén no Hula.

Outros fitos importantes reseñados polo titular da carteira sanitaria, son a informatización dos centros de saúde e hospitais, a receita electrónica, a tarxeta sanitaria dixital, ou a descentralización en toda a provincia dos controis do sintrom.

Para rematar a súa intervención, dixo que, dende a posta en marcha do Sergas, o progreso foi continuo ata acadar unha organización sanitaria á altura das mellores do mundo en cantidade, pero sobre todo en calidade, da que toda a cidadanía galega nos sentimos realmente orgullosos. Temos unha sanidade que investiga, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevé enfermidades, promove a saúde e ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade, en definitiva, que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas, concluíu.

22 de abril de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.