Unha obra de autores gregos gaña o IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A obra presentada coa lema ‘El último día’, dos gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, autores do texto e as ilustracións, gañou o IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que convoca o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka.

O certame ten unha dotación económica de 9.000 euros e leva a publicación do libro, que será editado por Kalandraka en castelán, galego, catalán, eúscaro e portugués.

O xurado valorou de ‘El último día’ o “equilibrio entre a ilustración e o texto, formando un todo armónico”. Protagonizada por un carteiro, a historia pon en valor este oficio “como un elemento de comunicación favorecedor das relacións entre persoas e comunidades”, engadiu o xurado, que tamén destacou a proposta estética, que traslada ao lector a “unha suxestiva paisaxe insular mediterráneo”.

O xurado estivo conformado pola ilustradora Carme Solé Vendrell, o tradutor e editor Miguel Azaola, a bibliotecaria Ánxeles Roca, Manuela Rodríguez, en representación de Kalandraka; o concelleiro de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, Manuel Dios, o xefe do Departamento de Educación e Cidadanía, Xosé Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Rodríguez, do mesmo departamento, en calidade de secretaria.

Os autores premiados son de orixe ateniense. Anthonis Papatheodoulou traballa como tradutor e publicou varios libros, polos que recibiu distincións como o Premio de Álbum Ilustrado de Grecia en 2011 e 2012, ademais de figurar na lista The White Ravens; mentres que Iris Samartzi, que exerce como ilustradora de libros infantís e profesora, gañou o Premio Nacional de Libro Ilustrado da sección grega de IBBY en 2012.

A maiores, o xurado decidiu proclamar finalista a obra presentada coa lema ‘Por allí, el infinito’ e outorgoulle unha mención especial ao traballo titulado ‘Nina e Antoine’. Ao IX Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 240 traballos procedentes de 24 países de Europa, América e Asia.

14 de abril de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.