Un veciño de Friol está acusado de delitos sexuais a menores incluído o seu fillo
Un home de 50 anos de idade, M.M., veciño de Friol, acusado de varios delitos sexuais a menores de idade, permanece no cuartel da Garda Civil de Lugo á espera de que pase a disposición xudicial o Xulgado de Instrución número 2.
Segundo indicaron fontes do Instituto Armado, foi un home o que denunciou na comandancia de Lugo en compañía da súa filla que un sobriño seu, de 14 anos, podería estar a sufrir abusos sexuais.
A raíz diso, a Garda Civil promoveu unha investigación de oficio e tomou declaración á suposta vítima, en compañía da nai.
O menor declarou que pousou “xunto ao seu pai diante dunha cámara web para facer cousas sexuais, para que o visen terceiras persoas, que tamén podían ser menores”, segundo indicaron fontes da investigación.
A Garda Civil acudiu ao domicilio do home, en Friol, onde foi detido e trasladado aos calabozos da Garda Civil, á espera de pasar a disposición xudicial. Os investigadores consideran que estes supostos abusos poden remontarse a “hai ano e medio, e ata a actualidade”.