Un total de 31 empresas presentan propostas para a redacción de proxectos das vivendas públicas que a Xunta vai construír en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia recibiu 31 ofertas de empresas para a adxudicación dos contratos de redacción de proxectos e dirección de obra para a construción de preto de 80 vivendas de promoción pública que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) edificará en Vigo. Os contratos foron licitados o pasado 17 de febreiro a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda construirá máis de 30 vivendas de promoción pública (VPP) na rúa Chantada, en Pereiró-Castrelos, e outras 44 na rúa Ignacio Groba, en Cambeses. O número exacto de vivendas virá determinado polos proxectos que redacten os adxudicatarios de ambos contratos.

Para a redacción do proxecto e dirección de obra das vivendas da rúa Chantada, cun importe de licitación de 154.784,93 euros, recibíronse 16 propostas, mentres que para as da rúa Ignacio Grobas, cun importe de licitación de 192.401,55 euros, foron 15 as propostas presentadas.

A Xunta prevé licitar ao longo de 2016 a construción das vivendas, que se edificarán sobre parcelas cedidas polo concello de Vigo, a cambio do 10 por cento da edificabilidade, polo que non se trata de unha cesión gratuíta, senón que a Administración local recibirá vivendas e locais a cambio das parcelas cedidas.

Con estas promocións, o Goberno galego dotará a Vigo de novas vivendas de promoción pública destinadas a cubrir as necesidades das familias máis desfavorecidas da cidade.

6 de abril de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.