Un milleiro de persoas concéntranse no barrio de Caranza e reclaman xustiza polo asasinato dunha veciña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Ao redor dun milleiro de persoas concentráronse no mediodía deste martes, na Alameda de Telleiras, no barrio ferrolán de Caranza, para mostrar a súa repulsa e pedir xustiza tras o asasinato dunha veciña, ocorrido na madrugada deste luns nun establecemento hostaleiro.

Os veciños secundaron os cinco minutos de silencio convocados pola Asociación de Veciños de Caranza e por outras entidades sociais, culturais, educativas e deportivas do barrio máis populoso de Ferrol en solidariedade coa familia de Marta S. V., de 43 anos, cuxo corpo sen vida foi localizado á primeira hora da mañá deste luns no local de hostalaría no que traballaba.

A concentración realizouse xusto en fronte do local, que presentaba na súa beirarrúa varios cirios acesos, ademais de caraveis e rosas. Nesta mobilización tamén se deron cita representantes dos grupos municipais do Partido Popular, Ferrol en Común, PSOE e BNG no Concello de Ferrol, que portaron unha pancarta coa inscrición ‘Esiximos Xustiza para Marta’.

Ao termino da concentración, o alcalde, Jorge Suárez (FeC), asegurou que este “é un día de profunda consternación e dor na cidade de Ferrol” e solicitou que “a Xustiza caia sobre o culpable con todo o seu peso”.

Ao mesmo tempo, enviou “unha mensaxe de condolencia aos familiares e amigos” da vítima, que están “a vivir momentos moi duros”, e púxose á súa disposición. Paralelamente, agradeceu “todo o apoio veciñal” á familia da muller asasinada.

APOIO Á FAMILIA

Tamén a primeira tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo (PSOE), quixo “enviar unha mensaxe de solidariedade á familia” e garantiu a colaboración dos servizos psicolóxicos do Concello.

Sestayo tamén trasladou que “a familia demanda o máximo respecto pola súa intimidade” e pediu “agora a Xustiza que actúe, de forma implacable, cun feito desgarrador e unha vida arrebatada por un acto de barbarie inexplicable”.

Na concentración tamén estivo presente o administrador Diocesano da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Antonio Rodríguez Basanta, que é tamén o sacerdote desta parroquia, Santa María de Caranza.

Mentres tiña lugar esta concentración, os restos mortais da muller falecida partían do Tanatorio Artabría, onde foron velados nas últimas horas por familiares e amigos, en dirección ao Cemiterio Municipal de Catabois, onde recibiron sepultura.

26 de abril de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.