UGT advirte de que a falta de persoal no Imelga da Coruña provocará atrasos dun ano
UGT advirte de que “a falta de persoal no Imelga”, o instituto de medicina legal de Galicia, na Coruña “provocará atrasos dun ano” en procesos xudiciais en asuntos de abusos sexuais, violencia de xénero, malos tratos, desprotección e violencia en menores.
En concreto, a federación de servizos públicos do sindicato denuncia que Vicepresidencia “non renovou o contrato a dous dos equipos psicosociais do instituto, formados por un psicólogo e un traballador social”.
Isto, segundo avisa, “suporá un atraso de máis de 10 meses” na resolución de asuntos xudiciais de gravidade para as familias afectadas”.
Actualmente, indica que hai dous equipos psicosociais permanentes no Imelga da Coruña, “pero a carga de traballo é elevadísima e a responsabilidade dos seus informes psicosociais é necesaria e requirida polos xulgados”.
Aténdense, apunta, asuntos de 23 xulgados dos partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión, con requirimentos de informes aos equipos psicosociais que fan necesario, “polo menos, un equipo máis con carácter urxente”.
Por todo isto, UGT solicita á Xunta e aos responsables de Vicepresidencia “que tomen medidas urxentes neste asunto e que doten dos recursos humanos necesarios e permanentes aos equipos psicosociais do Imelga, para poder realizar un traballo de tanta relevancia para as familias e para a sociedade”.











