SOS Sanidade Pública e persoal reclaman o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro
A Plataforma SOS Sanidade Pública e a Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo concentráronse este venres, acompañados de representantes dalgunhas formacións políticas, para reclamar o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) e para denunciar o “desmantelamento” do hospital vigués Meixoeiro.
A secretaria da comisión de centros, María José Beltrán, denunciou que a xerencia do Chuvi “está a desdobrar” cuartos do novo hospital, e permitindo que haxa pacientes “amoreados” en Urxencias e noutras áreas, sufrindo escaseza “moi importante” de persoal, cando hai “varias salas pechadas” no Meixoeiro.
Segundo sinalou, o Meixoeiro podería abrir as súas instalacións pechadas para atender patoloxías leves e, non obstante, “non se conta” con esa infraestrutura.
O voceiro de SOS, Manuel González Moreira, animou aos cidadáns a “saír á rúa” o próximo 12 de maio, na manifestación que sairá ás 20.00 horas da praza de España, co fin, non só de denunciar os problemas do HAC, senón tamén “para dicir que é posible reverter a situación de recortes e privatización na área sanitaria, e que é posible o rescate da concesión”.
POLÍTICOS
Pola súa banda, tanto a voceiro do BNG, Ana Pontón, como os deputados de AGE, Antón Sánchez e Eva Solla, ou a eurodeputada de Esquerda Plural Mariñar Albiol, coincidiron en denunciar a “privatización” da sanidade pública por parte da administración do PP e puxeron o caso dos falecidos enfermos de hepatite C e a investigación xudicial aberta como exemplo de que esas políticas poden ter “graves consecuencias”.
Na concentración deste venres estiveron presentes, ademais destes deputados, os alcaldes de Moaña, Cangas, e As Neves, e os concelleiros de Marea de Vigo. De feito, a edila Margarida López Barreiro, preguntou “onde están, que non a lles vai” ao resto de grupos da corporación olívica.











