Santiago acollerá este sábado unha manifestación contra os “abusos”
Un total de 46 colectivos -asociacións, ONG, partidos políticos e sindicatos- constituíron a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, que este mércores se deu a coñecer en Santiago baixo o lema ‘Rachemos coas fronteiras, Non ás guerras’. O seu primeiro acto é unha manifestación que terá lugar o próximo sábado polas rúas da capital galega para protestar contra os “abusos” que sofren os solicitantes de asilo.
Diso deron conta en rolda de prensa o coordinador do Foro Galego de Inmigración e a Coordinadora Galega de ONGDs, Miguel Fernández; o secretario de Comunicación de Médicos do Mundo en Galicia, Brais Barcia; e a responsable de Comunicación de Ecos do Sur, Natalia Monje.
En primeiro termo, Miguel Fernández deu conta de que, tras a marcha convocada para o sábado ás 13,00 horas, terá lugar a ‘Gala Refuxiadas’, ás 17,00 horas na Praza 8 de Marzo, a mesma na que remata a manifestación. Trátase dunha iniciativa organizada por Refuxiadas Compostela que pretende conseguir recursos para os refuxiados e “concienciar” á sociedade da situación que atravesan.
Centrado na plataforma -aberta a que se sumen outros colectivos e persoas-, explicou que pretende “mobilizar” á cidadanía galega na defensa dos dereitos dos refuxiados, denunciar a política migratoria da UE e “incidir politicamente” nas administracións.
Neste sentido, no manifesto fundacional pide que a política exterior europea se centre “na cooperación e na loita contra as desigualdades” como vía para “atallar a raíz das crises migratorias”, ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están en España e que se poñan recursos a disposición dos refuxiados tanto en materia sanitaria como educativa, entre outros aspectos.
“ACORDO DA VERGOÑA”
Pola súa banda, Brais Barcia puxo o acento no “acordo da vergoña” entre a UE e Turquía mentres seguen chegando solicitantes de asilo “a diario e por centos”. “A crise humanitaria persistirá mentres Europa siga de brazos cruzados”, advertiu, antes de clamar pola “xustiza social”.
É por iso que pediu que a manifestación do sábado alcance “gran relevancia” en termos de participación, pois os gobernantes terán que “oír” a protesta cidadá e actuar. “Aínda que canto máis tarde, peor vai ser”, lamentou este cooperante, dende o convencemento de que “unha fronteira pechada non vai conter as persoas que foxen dunha guerra”.
Finalmente, Natalia Monje alertou de que o número de delitos de odio en España aumentou “un seis por cento” e de que A Coruña é unha das provincias españolas coa taxa máis alta. “É un discurso moi perigoso identificar estranxeiro, ou refuxiado, con terrorista”, subliñou.
ASINANTES DO MANIFESTO
Entre as 46 entidades que inicialmente subscribiron o manifesto da Rede Galega de Apoio aos Refuxiados figuran as formacións Anova, BNG, Cerna, Esquerda Unida, PSdeG e Podemos; así como os sindicatos CC.OO., CIG e CUT, e asociacións como Stop Desahucios Compostela.











