Rey Varela ofrece asesoramento ás persoas con discapacidade e ás súas familias
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, inaugurou a xornada ‘Ética e discapacidade. Un día para a reflexión’ organizada pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES Galicia) co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela. Alí, o responsable da área social da Xunta de Galicia ofreceu a vontade do Goberno galego de “asesorar e apoiar ás persoas con discapacidade e ás súas familias en todos os pasos que dean cara unha maior calidade de vida”. “Podedes contar connosco para todo o que precisedes, seguimos e seguiremos estando ao voso carón”, sentenciou.
Na súa intervención, que tivo lugar na Facultade de Bioloxía da USC, o titular da carteira social apuntou que as políticas da Xunta de Galicia “diríxense indefectiblemente cara a mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas”. Nesta liña, salientou a importancia de xornadas coma esta que abordan o tema da discapacidade desde o punto de vista da ética xa que “os conflitos de valores abordan a todas as persoas por igual, e, dun xeito moi especial a aquelas familias que teñen algún membro con discapacidade”.
Por este motivo, dixo o conselleiro, ademais de incrementar a atención, os coidados, as prazas públicas e os centros para os colectivos de alzhéimer, parálise e dano cerebral, trastorno do espectro autista, enfermidade mental e intelectual, “queremos axudar a eles e as súas familias a tomar as decisións máis axeitadas en cada momento”. “Desde a Xunta sabemos que non é posible dar resposta a todas estas cuestións pero é preciso achegar un novo punto de vista apoiado nas opinións de expertos nas distintas materias”, engadiu.
Máis recursos para discapacidade
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, realiza un gran esforzo na súa liña de atención ás persoas con discapacidade. Proba diste compromiso destaca que a Comunidade Autónoma de Galicia sexa pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicada a esta materia polo que ten unha maior especialización e programas concretos para todos os colectivos diferentes como alzhéimer, parálise e dano cerebral, trastorno do espectro autista, enfermidade mental e intelectual.
Ademais, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros. Para o presente exercicio, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Entre elas destacan as axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía e as axudas de programas de formación en hábitos de autonomía e adquisición de habilidades prelaborais. Ademais, neste ano reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.
O aumento orzamentario consignado a materia social nos orzamentos da Xunta posibilita o incremento dos convenios de colaboración con entidades como FEAFES que neste 2016 sobe nun 13% ata acadar os 588.434 euros. A Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidades Mentais creouse no ano 1995 e representa a máis de 38.000 cidadáns galegos con discapacidade.











