Rey Varela acode á inauguración do Centro de Recursos para Persoas con Gran Discapacidade Física-Fingoi de Cogami

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Rey Varela na inauguración do centro

Rey Varela na inauguración do centro

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, asistiron ao acto de inauguración do Centro de Recursos para Persoas con Gran Discapacidade Física de Fingoi, no concello de Lugo. Trátase dun recurso que nace da necesidade de ofrecer ás persoas con gran discapacidade física desta zona lucense, un servizo integral de apoios que se desenvolve no marco dun centro de día, aulas de educación de adultos e que se complementa con programas de formación cara o emprego e coas oficinas do servizo de intermediación laboral para a provincia de Lugo.

O concepto deste centro, pertencente á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), ten as súas orixes no desenvolvemento da iniciativa europea Horizon, un referente no desenvolvemento de proxectos vinculados ás TICs e modelo de centro para persoas con gran discapacidade física no eido urbano.

Durante o acto inaugural, o conselleiro e a directora xeral recorreron a instalación que comprende unha aula de novas tecnoloxías; unha área de formación; obradoiro prelaboral e servizo de intermediación laboral; salas de atención individualizada de logopedia e traballo social; unha sala polivalente; unha sala de rehabilitación e outra multiusos. Rey Varela quixo felicitar á entidade polo traballo que desenvolve en prol dos discapacitados e das súas familias, así como pola posta en marcha deste novo centro que “estou seguro de que será testemuña da mellora da calidade de vida dos usuarios”.

A Xunta de Galicia mantén na actualidade un contrato con este centro para a prestación do servizo de atención diúrna terapéutica para persoas con discapacidade física severa. Deste xeito, establécese un concerto de 25 prazas, das que 15 son a media estadía e 10 a xornada completa. En virtude deste contrato, a administración autonómica aporta un orzamento de 233.466 euros. “Coordinarse e traballar conxuntamente é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”, afirmou Rey Varela.

COGAMI, entidade sen ánimo de lucro propietaria deste centro, traballa en favor das persoas con discapacidade física e a súa finalidade é a integración social deste colectivo. O seu ámbito de actuación abrangue toda a comunidade autónoma e no ano 2016 a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, achega á Confederación máis de 3,9 millóns de euros; un orzamento que se reparte entre o propio convenio de colaboración da administración autonómica coa entidade, o concerto de 390 prazas e servizos xerais e de atención diúrna. “A obriga de calquera goberno responsable é ser sensible coas necesidades que presentan os colectivos que máis precisan da nosa axuda”, explicou o conselleiro de Política Social.

Rey Varela lembrou que o Consello da Xunta de Galicia, aprobou hai pouco máis dunha semana once convenios de colaboración con entidades de atención á discapacidade, dos que se beneficiarán 75.000 persoas. A contía total destes convenios ascenden a 3,6 millóns de euros –un 20% máis con respecto ao ano anterior- e COGAMI, unha das entidades beneficiarias, recibirá a suma de 946.012 euros.

Así, o colectivo de persoas con discapacidade gaña en 2016 en presenza e en recursos económicos na carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais.

Esta etapa comezada en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado. Na actualidade está en proceso o desenvolvemento desta estratexia, que abrangue seis liñas estratéxicas: accesibilidade, autonomía persoal, educación, formación e emprego, saúde e servizos sociais.

26 de abril de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.