Responsables de Imesapi ratifícanse en que contrataron á cuñada de Silva por indicación do Concello
Os dous responsables da empresa Imesapi que declararon este mércores como investigados na causa que se segue sobre o suposto ‘enchufe’ da cuñada de Carmela Silva, ratificáronse nas manifestacións que xa fixeron previamente como testemuñas, e volveron a recoñecer que contrataron á familiar da presidenta da Deputación e tenente de alcalde por indicación do Concello de Vigo.
Así o sinalou o letrado da defensa de Ramón C.A. e José Antonio M.B., e indicou que estes representantes de Imesapi volveron a manifestar ante a xuíza de instrución número 7 de Vigo que o Concello lles indicou que debían contratar a Vanesa F.B. “para tarefas de apoio” no departamento de Participación Cidadá.
Para compensar ese gasto á concesionaria, asináronse unha serie de contratos menores por algo máis de 128.000 euros, co fin de que esa traballadora realizase unhas enquisas de calidade do servizo dos centros cívicos municipais.
No entanto, e do mesmo xeito que xa fixeron en anteriores comparecencias, ningún destes investigados concretou quen exactamente lles pediu que se contratase a esa persoa, aínda que admitiron que trataron a xestión dos contratos menores e as facturas co xefe do departamento municipal de Emprego e Participación Cidadá, Francisco G.O.
AUTORÍA DOS TRABALLOS
Á marxe desa circunstancia, o xuíz ve indicios de que eses traballos non fosen realmente realizados por Vanesa e que puideron cometerse delitos de malversación de fondos públicos e falsidade documental.
Ante isto, os responsables de Imesapi indicaron que actuaban “na crenza de que eses traballos os facía Vanesa” porque o certo é que as enquisas existen. As sospeitas xéranse porque a cuñada de Silva, que xa declarou como investigada, afirmou en sede xudicial que se limitou a facer chamadas pero que non elaboraba as conclusións nin as análises dos datos solicitados.
Neste procedemento están investigados, ademais dos dous representantes de Imesapi e de Vanesa F.B.; o xefe de área municipal, Francisco G.O.; e o concelleiro, Santos Héctor Rodríguez. Este xoves están citados a declarar novamente a cuñada de Carmela Silva e o funcionario municipal.
Por outra banda, a plataforma Xuntos, que exerce a acusación popular neste procedemento, presentou un escrito na Fiscalía para instala a investigar outras supostas irregularidades no Concello de Vigo, relacionadas con contratos menores, adxudicacións de concesións, funcións dos traballadores municipais, entre outras.











