Rescatan a un bebé atrapado dentro dun coche en Vigo ao activarse o peche centralizado
Axentes da Policía Local de Vigo rescataron en bo estado a un bebé que quedou atrapado no interior dun vehículo, despois de que se activase o peche centralizado cando a nai se apeou do coche, deixando as chaves dentro.
Segundo informou a Policía Local, sobre as 19,10 horas deste luns unha muller solicitou a presenza dos efectivos nun aparcadoiro da rúa García Barbón, xa que o seu bebé quedara atrapado dentro do vehículo por un fallo no peche centralizado e ela era incapaz de acceder.
Unha vez no lugar, a muller indicou que ao apearse do turismo e pechar a porta do condutor activouse o sistema de peche centralizado, quedando dentro as chaves e o seu bebé. Ante estes feitos, os axentes, con permiso da nai, procederon a fracturar o portelo do coche e sacar do interior ao bebé, que se atopaba en perfecto estado.











