publicidade hoxe

Raquel Queizás ofrece en Valga unha sesión de contacontos infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedraValga
A-
A+

O Auditorio de Valga acolle este domingo unha sesión de contacontos infantil a cargo da actriz e contadora Raquel Queizás, unha actividade cultural que se enmarca na programación do Ano Castelao que a Deputación provincial está levando a cabo nos concellos de toda a provincia. Entre as actividades ofertadas ao longo do ano, inclúese o ciclo ‘Contando cousas e cousiñas’ que pretende combinar historias, algunhas escritas por Castelao, outras tradicionais e mesmo de colleita propia dos contadores e contadoras galegas que participan. No ciclo participan Bea Campos, Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín e Raquel Queizás, sendo esta última a que o domingo se achegará a Valga.

A sesión de contacontos, dirixida a público familiar, está prevista para as 18 horas e é a primeira deste ciclo. Raquel Queizás ten unha traxectoria de máis de 10 anos dedicada á narración oral profesional, e na actualidade mantén en cartel case unha ducia de espectáculos de contacontos, de diferentes temas e adaptados a diversas idades. É licenciada en Filoloxía Hispánica e ten cursado estudos de Artes Escénicas en diferentes centros e encontros de formación. Foi integrante, ademais, de varias compañías galegas de teatro profesional nos últimos anos.

O programa de actividades culturais do ‘Ano Castelao’ está conformado por exposicións, concertos e obradoiros infantís co obxecto de contribuír a complementar as programacións culturais locais, co obxecto de chegar a toda a poboación da provincia. Ao longo de todo o ano, chegarse á totalidade dos 62 concellos de Pontevedra.

8 de abril de 2016 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.