Portos de Galicia presenta a proposta de reparcelación da contorna do Centro Social no que se empraza o Club de Remo de Vilaxoán
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e técnicos do ente público na que se presentou unha proposta de reparcelación da contorna do Centro Social no que tamén se empraza o Club de Remo de Vilaxoán.
Nesta proposta contémplase un espazo para aparcadoiros, viais e algunha reserva de superficie a disposición do ente público. Ademais, está prevista a posibilidade de anexar ao edificio do club de remo un espazo dedicado a garaxe e almacén para albergar vehículos e embarcacións da sociedade deportiva.
Trala reunión, e coñecida a proposta presentada, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, comprometeuse a estudala e achegar a Portos de Galicia unha proposta alternativa. Portos de Galicia manifestou a súa disposición e colaboración para levar a cabo a reparcelación conxuntamente co concello.
Por outra banda, dentro das obras de conservación e mantemento das instalacións portuarias, Portos de Galicia ten previsto levar a cabo o pavimentado do vial portuario entre o Intecmar e a zona próxima ao edificio do club de remo de Vilaxoán.











