publicidade hoxe

Os proxectos básico e de execución para a restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes xa están en redacción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSobrado
A-
A+
Román Rodríguez no Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Foto: M. Fuentes

Román Rodríguez no Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que xa se están a redactar os proxectos básico e de execución da restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, unha intervención que suporá un investimento de máis de 1 millóns de euros e que se prevé iniciar en outono. Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia para impulsar os Camiños do Norte, declarados o pasado 5 de xullo de 2015 Patrimonio Mundial da UNESCO na 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada en Bonn (Alemaña), que suporá un investimento total de máis de 7 millóns de euros.

Ademais de ser recoñecido como ben asociado aos Camiños do Norte na Lista do Patrimonio Mundial, o Mosteiro de Sobrado dos Monxes é Ben de Interese Cultural desde 1931 e, polo tanto, goza da máxima protección legal. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación acaba de renovar a normativa referida a este eido, coa aprobación onte mesmo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Deste xeito, tal e como sinalou o conselleiro, a restauración do Mosteiro de Sobrado dos Monxes supón un compromiso cumprido, tanto no referido ao impulso dos Camiños do Norte como na aposta que a Xunta está a realizar polos elementos máis senlleiros do noso patrimonio cultural como axentes vertebradores da nosa identidade e dinamizadores da actividade cultural, turística e, de forma indirecta, económica da nosa terra.

Frear o deterioro

A intervención prevista superará o millón de euros, a executar en varias anualidades, e ten como obxecto corrixir os deterioros derivados da entrada ou presenza de auga ou humidade non desexada no inmoble. En concreto actuarase para resolver as filtracións na igrexa e no claustro Regular ou dos Medallóns e nas cubertas, e revisaranse os canlóns, drenaxes e gárgolas, eliminando a vexetación que impida o normal funcionamento da rede de evacuación de pluviais. Así mesmo, revisaranse carpinterías e ocos, fiestras, escaleiras de acceso ás torres, portas e outras posibles entradas de auga, perseguindo diminuír a humidade relativa interior, aliada da proliferación de fungos e de condicións ambientais inadecuadas para o uso normal do edificio.

Unha vez solucionados os problemas de estanqueidade realizarase unha limpeza de fachadas e torres e solucionaranse os problemas derivados da colonización biolóxica e danos provocados pola vexetación en muros e tellados. Así mesmo, e aos efectos de completar os usos culturais e públicos vinculados á igrexa e o claustro dos Cabaleiros, o proxecto definirá a actuación necesaria para acondicionar como biblioteca o espazo utilizado pola comunidade como capela e hoxe baleiro de contido.

A intervención inclúe tamén a elaboración dun estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e elaboración de outro para a conservación preventiva do monumento.

O Mosteiro de Sobrado dos Monxes ten unha clara implicación co Camiño, dado o seu papel complementario de albergue de peregrinos. Trátase dun BIC cun altísimo interese derivado dos seus valores históricos, artísticos arquitectónicos e relixiosos que o converte no principal recurso turístico da bisbarra. Trátase, ademais, xunto con Oseira, cun dos grandes mosteiros galegos que aínda conserva no seu seo vida de comunidade relixiosa, que desenvolve unha intensa actividade en relación aos visitantes e peregrinos, tanto no seu labor ao fronte da hospedaría como na elaboración de produtos tradicionais.

27 de abril de 2016 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.