O xurado popular do xuízo polo crime de Chancelas comezará a deliberar o luns
O luns, día 4 de abril, empezará a deliberar o xurado popular do xuízo polo crime de Chancelas, en Poio (Pontevedra), que se segue na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra despois de que este venres tivese lugar a última sesión do proceso.
Nela, a acusada Rocío Gondar aproveitou a oportunidade que lle brinda a Lei do Xurado para dirixirse aos membros do tribunal popular e, a pesar de que “non serve de nada” dixo, pediu “perdón” á familia de Secundino Prego por matalo.
“Estou moi arrepentida do que fixen”, sostivo antes de reiterar que non o fixo soa e que a outra acusada, Albertina Táboas, “estivo pegada” a ela “en todo momento”. Rocío tratou coas súas palabras de corresponsabilizar do asasinato do octoxenario á súa compañeira no banco dos acusados.
Na lectura dos informes finais, o avogado que defende a Albertina modificou a petición inicial de libre absolución para recoñecer agora que o seu cliente é autor dun delito de encubrimento, penado con tres anos de prisión. O letrado da defensa admite que Albertina “axudou á responsable do crime a eludir a súa responsabilidade finxindo un roubo”, segundo afirmou na Sala.
Pola súa banda, o avogado de Rocío pediu ao xurado popular un veredicto de “non culpable” ao entender que o seu cliente é “inimputable” ao concorrer neste caso a eximente de actuar ante un “medo insuperable” e en plena alteración mental como acreditan os seus informes psiquiátricos.
Se non acepta esa eximente, a defensa da moza pide que se considere o o seu trastorno de personalidade como un atenuante “moi cualificado”, ao que suma tamén o atenuante de confesar o crime, tanto ante a policía coma na vista oral, e colaborar coa xustiza para esclarecer o caso.
Pola súa parte a fiscal, Carmen Novo, mantivo a petición de 20 anos de prisión por un delito de asasinato ao entender que as dúas mulleres que sentaron no banco de acusados da Audiencia actuaron “por sorpresa e a traizón”, aproveitándose da “confianza” que a vítima depositara nelas e provocando que Secundino “non puidese defenderse en absoluto”.
Ambas as dúas serían culpables, sinalou nas súas conclusións a fiscal, dun delito de asasinato sobre o que concorren ademais as agravantes de aleivosía, asañamento e recompensa, esta última ao entender que o móbil do crime foi económico.
Finalmente o avogado que exerce a acusación particular en nome dos fillos da vítima elevou a 25 anos a súa petición de cárcere para as dúas acusadas. Entende que durante o xuízo a súa culpabilidade quedou demostrada de forma “clara e rotunda”, en vista dos testemuños, as probas e os informes forenses que se achegaron durante estes cinco días de xuízo.