O Sergas denuncia ante a Fiscalía a inacción do Concello de Vigo polo aparcamento do HAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) puxo en coñecemento da Fiscalía os problemas de tráfico do ámbito do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo ocasionados polo aparcamento irregular e ante a “inacción” da Policía Local e do Concello de Vigo, segundo confirmaron fontes sanitarias.

Estas fontes explicaron que a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo (EOXI) trasladou estes problemas á Fiscalía de Seguridade Vial, unha medida que adopta “despois de múltiples denuncias ante a Policía Local e a inacción da autoridade competente”.

En relación a iso, a EOXI apuntou que a decisión de levar esta situación ante o Ministerio Público é poder garantir a seguridade de profesionais e usuarios do hospital.

Dende a apertura do hospital, en verán do ano pasado, os problemas de aparcamento nas inmediacións do centro foron constantes por parte de numerosos vehículos que aparcan en zonas prohibidas, chegando a ocupar carrís e rotondas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xustifica a súa falta de actuación polo elevado prezo do aparcamento e porque considera que os viais interiores do hospital “son privados”. Mentres, o Sergas recordou que as tarifas se reduciron en decembro, de maneira que son as “máis baratas” da cidade.

7 de abril de 2016 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.