publicidade hoxe

O PSOE mantén a suspensión pero revoga a expulsión a Manuel Martínez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

A Executiva Federal do PSOE deixou sen efecto a medida de expulsión provisional do alcalde díscolo de Becerreá, Manuel Martínez, ao admitir parcialmente o recurso presentado ante Ferraz, pero mantén a suspensión cautelar de militancia na tramitación do expediente disciplinario.

Nunha resolución de febreiro deste ano, asinada en marzo e que Martínez recolleu por burofax o pasado 1 de abril, arquívanse as actuacións recollidas na anterior resolución (do 17 de novembro de 2015), “deixando sen efecto a medida de expulsión provisional” de Martínez, pero séguese tramitando o expediente disciplinario contra o rexedor de Becerreá, e mantense a “suspensión cautelar”.

O alcalde díscolo Becerréa, Manuel Martínez, recorreu o expediente disciplinario que tramita o PSOE e pediu que, “a efectos de proba testifical, se tome declaración” aos deputados socialistas da Deputación de Lugo, ao exsecretario xeral na provincial, Juan Carlos González Santín, e ao exsecretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Martínez volveu a recibir un burofax sobre a tramitación do expediente disciplinario, que segue adiante, a pesar de que a executiva federal aceptou parte dos seus argumentos. Concretamente, aceptou os relativos ás súas actuacións anteriores á moción de censura de outubro no ente provincial, a cal permitiu desaloxar ao PP do goberno e que formasen un executivo bipartito socialistas e nacionalistas.

Con anterioridade, a postura na votación na constitución da Deputación Provincial de Lugo propiciara que o PP se fixese coas rendas provinciais con Elena Candia á cabeza. Esta situación debeuse ás diverxencias entre Martínez e o partido respecto do candidato socialista para a Presidencia da institución (Manuel Martínez postulouse para dirixir a institución, pero foi vetado polo BNG co argumento de que estaba imputado -agora figura do investigado-).

Pero a executiva federal aceptou parcialmente o recurso presentado por Martínez, xa que despois de que o PP asumise as rendas e de que se negociase a moción de censura, o alcalde de Becerreá pactou co seu partido que se arquivarían as actuacións contra el até ese momento a cambio da moción de censura. De feito, Martínez alegou este mércores que a propia secretaria de Organización e agora presidenta da xestora (tras a dimisión de Besteiro), Pilar Cancela, puxo a súa “firma” nun “compromiso por escrito” con el a ese respecto.

Aínda que admite esta parte, a instrución do expediente rexeita os argumentos posteriores sobre o seu comportamento, en relación ás votacións nas que Martínez non acatou a disciplina de partido. Concretamente, están vinculadas coa votación de tres mocións e por non asistir a unha reunión do grupo provincial.

FEITOS “MOI GRAVES”

O expediente tramítase sobre a base de que os feitos poden “ser constitutivos de faltas moi graves” e sinala que, de “probarse” poderían ser sancionados de acordo co establecido no artigo 49.1.c) do Regulamento de Afiliados.

Isto é: suspensión de afiliación de máis de 18 meses e até 3 anos; inhabilitación para desempeñar cargos orgánicos por un período de tempo de máis de 18 meses e até 3 anos; inhabilitación para desempeñar cargos públicos dependentes do partido por un período de máis de 18 meses e até tres anos; expulsión do partido.

PIDE QUE IMPERE “O SENTIDO COMÚN”

Martínez esgrimiu que “se isto leva así, terán que botar ao 90 por cento dos concelleiros do PSOE nacional e de Galicia”, porque, asegurou, “todos nalgún momento determinado ou faltamos a algunha reunión ou votamos en conciencia determinados supostos que o propio partido acepta”.

“Eu espero que impere o sentido común, se impoña a legalidade e se me acepte tanto no grupo como no PSOE, porque sigo sendo membro e alcalde do PSOE en Becerrea”, concluíu, respecto do que remarcou que de feito, na web do Concello, segue figurando como rexedor do PSOE.

6 de abril de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.