O Pleno da Deputación de Pontevedra rexeita o preacordo europeo con Turquía de devolucións masivas dos migrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Pleno da Deputación de Pontevedra acordou por unanimidade mostrar o seu rexeitamento ao acordo alcanzado entre as xefas e os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea con Turquía, que contempla a devolución a Turquía de todos os migrantes –incluídas as persoas demandantes de asilo, sirios e de calquera outra nacionalidade– que cheguen á Unión Europea.

A declaración institucional sinala que, de confirmarse o dito pacto, a Unión Europea non estaría respectando os convenios internacionais sobre o dereito internacional de asilo. O Pleno considerou inadmisible facer un acordo de intereses con Turquía utilizando os dereitos das persoas refuxiadas e emigrantes como moeda de cambio e cualificou de “inmoral e de dubidosa legalidade” un preacordo que contravén claramente o dereito de asilo e múltiples convenios internacionais sobre dereitos humanos.

O Pleno da Deputación de Pontevedra esíxelles, ademais, á Unión Europea e aos estados membros unha resposta humanitaria urxente ante a grave situación que viven as persoas refuxiadas, respectuosa co dereito internacional de asilo e os dereitos humanos. Neste sentido, ínstase á Unión Europea e aos estados membros á retirada de calquera acordo, pacto, convenio ou proposta de acción que non respecte o dereito internacional de asilo e os convenios internacionais sobre dereitos humanos asinados pola Unión Europea.

Así mesmo, o Pleno súmase ao manifesto Pasaxe Segura, rubricado por multitude de organizacións sociais, sindicatos e partidos políticos de toda Europa, e, neste sentido, insta á UE e aos seus estados membros a que ordenen a creación dun corredor humanitario e que posibiliten, desde o respecto, o asilo destas persoas entre os 28 estados membros da Unión Europea.

1 de abril de 2016 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.