O obradoiro ‘Ecotur Xuvenil’ de Santiago ofreceu novas oportunidades laborais á mocidade

Entrega de diplomas aos participantes no obradoiro. Foto: C. Paz
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe, xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, na entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘Ecotur Xuvenil’, que a Xunta levou a cabo en coordinación co Concello de Santiago, e a través do que 34 persoas sen emprego, todas elas menores de 30 anos, recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; Pavimentos de albanelería e urbanización; e Colocación de pedra natural.
Conde explicou que a través da formación recibida neste programa, os alumnos e alumnas ampliaron as súas oportunidades laborais e a partir de agora poden acceder aos postos de traballo de oficial de xardíns e xardineiro de campos de deporte; pavimentador e albanel de urbanización; e canteiro, marmorista e mampostero.
O conselleiro salientou que estes programas mixtos, ao tempo que ofrecen cualificación, permite aos seus participantes acceder a un emprego. Neste caso, os alumnos e alumnas de ‘Ecotur Xuvenil’ acondicionaron as sendas peonís de Galeras ata Ponte Albar, un labor que o conselleiro podo coñecer de primeira man.
O titular de Economía, así mesmo, destacou a aposta da Xunta polos obradoiros, xa que destacou que a formación que se imparte está sempre orientada ás necesidades do mercado laboral. Neste senso, indicou que a Xunta está a traballar para adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego.
Conde, ademais, resaltou “a aposta decidida” do Goberno galego coa mocidade co obxectivo de facilitarlle o acceso a un posto de traballo. Deste feito, sinalou que os obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos, como o de ‘Ecotur Xuvenil’, súmase a outras medidas que a Consellería ten en marcha, a través de Garantía Xuvenil, para apoiar aos máis novos. En concreto, o departamento autonómico xa activou varias liñas de axudas por valor de 13 millóns de euros para os mozos e mozas, entre as que destacou incentivos á contratación e apoios aos autónomos.
Por último, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que outras das vantaxes dos obradoiros é o fomento da colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación cos concellos. Neste senso, o apoio da Xunta ao Concello de Santiago en diversos programas para mellorar a empregabilidade das persoas sen traballo suma desde 2009 máis de 54,5 millóns de euros, o que permitiu beneficiar a máis de 34.000 desempregados.
Axenda 20 para o Emprego
A nova planificación da Xunta en materia laboral, a Axenda 20 para o Emprego, apoia aos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego como son os mozos. Neste senso, a Axenda contén, entre as súas medidas, o Programa Aprol con preto de 68 millóns de euros para incentivos á contratación aos colectivos máis vulnerables.
A nova folla de ruta o que pretende é garantir a calidade e estabilidade laboral e que a recuperación económica chegue a todos os fogares de Galicia. Por iso, a Axenda tamén inclúe as lanzadeiras de emprego para promover o emprendemento con 7 millóns ou a creación de Unidades de Formación na Empresa para impulsar con 2 millóns de euros a especialización e capacitación con compromiso de contratación. Tamén contén incentivos á contratación para atender as demandas empresariais e dar unha oportunidade á mocidade.











