O novo auditorio de Lugo modulará a vida cultural da cidade e da provincia

O titular da Xunta no percorrido polas novas instalacións. Foto: C. Paz
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que co novo auditorio de Lugo se lle entrega aos lugueses o edificio que “demandaban, precisaban e merecían” e que modulará a vida cultural da cidade e da provincia. “Inaugurar este edificio non supón unha foto baleira, senón un acto de xustiza”, afirmou incidindo en que desde agora Lugo contará cunha infraestrutura cultural de primeiro nivel como as que xa gozan outras seis cidades galegas.
Durante un percorrido este mediodía polas instalacións do novo auditorio e centro cultural, o titular da Xunta subliñou que esta obra, cuxo investimento ascendeu a algo máis de 20 millóns de euros, proba o compromiso do Goberno galego coa cidade da muralla e coa provincia.
Logo de lembrar que Lugo conta cunha intensa vida cultural -representada polas máis dun cento de asociacións da cidade- así como cun dos monumentos patrimonio da humanidade, Feijóo precisou que os máis de 15.000 metros cadrados desta infraestrutura albergan dous auditorios: un con capacidade para 900 persoas e outro con capacidade para 300. A parte habilitada como centro cultural conta cunha área de exposicións e congresos e cunha cafetería, e a accesibilidade interna e externa do edificio está completamente asegurada, cun aparcadoiro con 153 prazas. “E todo isto encádrase nunha contorna privilexiada, con vistas ao río Miño, que a construción respecta en todo momento”, engadiu.
Así mesmo, Feijóo destacou que esta infraestrutura é a obra máis importante de todas as que a Xunta está a desenvolver no marco do Plan Hurbe. Unha iniciativa que permitiu xa levar a cabo 105 actuacións en 67 concellos, cun investimento total de 112 millóns de euros.
O presidente do Goberno galego salientou que 1 de cada 4 euros do plan foron parar á provincia de Lugo e garantiu o compromiso de seguir desenvolvendo o plan ao longo deste ano, con máis de 20 millóns de euros dedicados a novos proxectos.
Por último, Feijóo concluíu a súa intervención destacando a disposición da Xunta para colaborar co Concello e, xunto coa participación doutras institucións provinciais, finalizar o equipamento do novo auditorio.











