O Museo de Pontevedra agasallará cun libro as persoas que visiten mañá a súa colección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

No Día Internacional do Libro o Museo de Pontevedra contribuirá á celebración desta efeméride agasallando cun libro a todas as persoas que acudan a visitar as súas coleccións e exposicións. Así, unha vez finalizada a visita, as persoas que o desexen poderán solicitar no mostrador da entrada o agasallo, pertencente ao catálogo editorial do propio Museo. “Nun día de vital importancia cultural a nivel mundial, desde a Deputación tamén queremos contribuír á valorización do libro en galego e ao fomento do hábito da lectura, e destacar o seu carácter transversal en canto a temas e disciplinas, polo que este ano eliximos a temática artística e plástica, e sempre co noso idioma como elemento vehicular”, sinalou ao respecto desta iniciativa o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Convén lembrar que o fondo editorial do Museo está composto por monografías sobre os fondos propios e catálogos relativos a exposicións temporais desenvolvidas. A través destas publicacións preténdese difundir o labor que se realiza na institución museística, promovendo un mellor coñecemento das coleccións e das propostas expositivas que se ofrecen.

Mañá, no horario habitual, entre as 10:00 e as 21:00 horas, estará dispoñible un volume seleccionado do mencionado fondo editorial para as persoas que visiten o Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento, os edificios que albergan tanto as coleccións permanentes coma as salas de exposicións temporais. Como é sabido, as tres salas de exposicións temporais acollen, desde o pasado 1 de abril, a grande exposición “Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)”. Ao respecto desta exposición hai que lembrar, ademais, que os sábados pola tarde, ás 19:00 horas, se realiza a visita guiada, polo que as persoas interesadas en participar deben dirixirse ao gabinete didáctico para solicitala.

22 de abril de 2016 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.