O modelo de mobilidade de Pontevedra convértese en experiencia de referencia nas xornadas sobre mobilidade urbana sostible de Valencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

Atendendo a un convite do Ajuntament de València, o vicepresidente provincial, César Mosquera, acompañado do asesor de Mobilidade, Jesús Fole, participará, o vindeiro mércores, na xornada Planes de Movilidad Urbana Sostenible. El Papel del Coche en la Nueva Movilidad. César Mosquera será o encargado de expoñer as principais liñas de calmado do tráfico e de seguranza viaria contempladas no plan de mobilidade provincial e que toman como punto de partida as actuacións realizadas neste ámbito na cidade de Pontevedra.

A xornada realizarase o vindeiro mércores, 6 de abril, e nela César Mosquera e Jesús Fole intervirán nunha mesa de intercambio de experiencias (prevista entre as 12:00 e as 14:00 horas) para expoñer o modelo pontevedrés, compartindo relatorio con representantes dos concellos de Madrid, Barcelona, Valencia e Vitoria-Gasteiz.

O papel do coche na nova mobilidade será un dos aspectos máis relevantes que se tratarán nesta cita, na que se abordarán estratexias para reducir o seu uso e fomentar medidas de racionalización do tráfico e un novo reparto e reorganización dos espazos públicos. Neste apartado é onde a organización da xornada estimou necesaria a presenza de representantes do modelo de mobilidade de Pontevedra, por considerar que é unha das cidades do Estado que xa ten consolidado un proceso de cambio e que mesmo o está ampliando ao resto das vilas da provincia a través do Plan MOVESE. Ademais do papel do coche na seguridade das cidades, tamén se exporán os resultados contrastados logo de aplicar técnicas de calmado de tráfico e se abordará a integración da seguranza viaria na planificación da mobilidade.

Esta xornada enmárcase dentro do proxecto europeo Endurance, a través do que se promoven plans de mobilidade urbana sostible, a creación de redes e o intercambio de experiencias. A xornada está dirixida a responsables políticos e técnicos municipais con competencias en mobilidade, así como a profesionais, emprendedores e empresas que proporcionan servizos de mobilidade urbana sostible.

4 de abril de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.