publicidade hoxe

O foro ‘Ágoraxove’ aborda o Camiño de Santiago como fonte de oportunidades para o desenvolvemento da mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+
Inauguración do foro

Inauguración do foro

O concello lucense de Palas de Rei acolleu hoxe o terceiro ‘ÁgoraXove’, un novo programa da Xunta de Galicia para fomentar e consolidar o protagonismo dos mozos e mozas a través da creación de foros que faciliten a súa participación na vida social, económica e cultural. As directoras xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez e de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiron ao acto de inauguración desta iniciativa na Casa da Cultura desta localidade acompañadas do alcalde palense, Pablo Taboada.

A temática e o programa de actividades de cada un dos foros está deseñado en función das particularidades sociais, económicas e culturais do ámbito territorial no que se desenvolva. Deste xeito, o ‘ÁgoraXove’ de Palas de Rei contou cunha temática baseada no Camiño de Santiago como elemento vertebrador do territorio e fonte de oportunidades para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.

Así, o evento comezou cunha mesa redonda sobre emprendemento no Camiño, na que participaron propietarios de empresas situadas no camiño francés dos sectores primario, turístico e ecolóxico. De seguido, un emprendedor relacionado co deporte falou da internacionalización das empresas e un grupo de mozos e mozas relatou a súa experiencia en programas de voluntariado relacionados co Camiño. Asemade, este ‘ÁgoraXove’ contou cunha zona expositiva e de asesoramento da Rede Galega de Dinamización Xuvenil, do concello de Palas de Rei, das oficinas de información xuvenil de Santa Comba e Ribadavia, do Centro Xuvenil Abertal, da Asociación SharinGalicia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do servizo Quérote+ e do programa Garantía Xuvenil.

Intercambio de experiencias

No acto de apertura deste ‘ÁgoraXove’, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destacou que “con iniciativas como esta pretendemos establecer espazos de encontro, de coñecemento, de información e tamén de formación en habilidades, co obxectivo de fomentar a participación da mocidade”. Cecilia Vázquez definiu os ‘ÁgoraXove’ como “espazos abertos para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de novas ideas”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importante repercusión que a Ruta Xacobea ten no reequilibrio territorial, na xeración do emprego, na renda, na mellora da calidade de vida e no impacto económico dos municipios galegos por onde transcorre. Neste senso, sinalou que nos máis de cen municipios polos que transcorre, o Camiño de Santiago amortece indicadores como o envellecemento, o declive demográfico e a despoboación e impulsa unha nova economía que atrae novos habitantes e que asenta a poboación local.

A responsable de Turismo da Xunta afirmou que o Camiño constitúe un exemplo de caso de éxito dun itinerario cultural que mantén a súa esencia como antano pero ofrecendo os servizos necesarios para dotar de calidade a esta experiencia única e inigualable. Nava Castro concluíu afirmando que o Camiño de Santiago constitúe unha oportunidade única para todos os mozos e mozas galegas que creceron ao carón da Ruta Xacobea.

O perfil dos participantes nos ‘ÁgoraXove’ son membros de entidades, asociacións xuvenís ou grupos informais, antigos participantes nos programas de Xuventude, técnicos de xuventude e de emprego, concelleiros de xuventude, monitores e mozos e mozas en xeral. Estes foros tamén contarán cunha área de asesoramento sobre asociación e participación nos programas de educación non formal da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Ademais dos ‘ÁgoraXove’ de Vilalba, da Universidade de Santiago e de Palas de Rei, que xa se celebraron, este programa tamén terá lugar nas vindeiras semanas en Ourense, Vigo, A Estrada, Betanzos, Bergondo, Marín, Vilanova de Arousa, Curtis e Ferrol.

1 de abril de 2016 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.