O DOG publica o inicio das expropiacións necesarias para a construción dunha senda peonil nun treito da AC-543
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o inicio do proceso de expropiacións necesarias para a construción dunha senda peonil no treito da estrada AC-543 que une Laraño e Vidán co núcleo de Santiago de Compostela. Esta actuación terá un prazo de execución de 6 meses e un orzamento de 590.433,45 euros.
Este itinerario forma parte das actuacións recollidas no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, onde se prevé, ademais, executar as obras necesarias para completar o percorrido entre a capital de Galicia e Brión, aproveitando os tramos xa existentes, sen necesidade de utilizar un vehículo a través de sendas e beirarrúas.
Así, ademais de Vidán-Laraño, está previsto realizar as sendas A Barcia-Roxos (concello de Santiago), Roxos- Aldea Nova (concellos de Santiago e Ames) e Aldea Buio- Monte Devesa (concello de Brión).
Convócanse aos titulares de bens afectados terán que presentarse o vindeiro venres, 29 de abril, entre as 10.00 e ás 13.00 horas no local social de Laraño. A información pública que se pode consultar no Concello de Santiago dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, durante 15 día hábiles. A través do seguinte enlace pódese acceder á citada información: http://goo.gl/chWcks
As obras materializaranse con cargo á partida orzamentaria de fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana recollida no proxecto de Orzamentos da comunidade para 2016 e co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
O obxecto deste proxecto é a construción dun itinerario peonil seguro e accesible que permita a circulación de peóns pola marxe dereita da citada estrada, entre os pq 0+000 e 2+000, nas parroquias de Laraño e Vidán, comunicando estes núcleos con Santiago de Compostela.
O inicio da actuación sitúase na parroquia de Vidán, concretamente na glorieta que une a estrada coa Avenida da Mestra Vitoria Míguez e a Rúa Ponte Vella.
No tramo no que se actuará localízase un elevado número de vivendas e negocios, o que ocasiona un significativo tránsito de peóns que actualmente circula pola beiravía. Neste sentido, as accións proxectadas mellorarán a súa seguridade viaria, fixándose como punto básico a construción dun itinerario ao longo de 2 quilómetros na marxe dereita e dous pequenos tramos na marxe esquerda, co fin de separar o tráfico rodado do peonil.











