O DOG publica a licitación do proxecto construtivo da estación intermodal da Coruña
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril da Coruña por un importe de preto de 600.000 euros. A construción desta infraestrutura precisa dun orzamento de preto de 18 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegará 10 millóns de euros.
No DOG sinálase como data límite para a presentación de ofertas o vindeiro 10 de maio, ás 19 horas. No seguinte enlace pódense consultar as condicións deste trámite: http://goo.gl/M0hQ7B
O obxecto desta iniciativa é definir o deseño dunha estación intermodal funcional que lles facilite aos cidadáns un intercambio áxil e eficiente entre as distintas formas de transporte. Este é un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que aposta por aproveitar ao máximo as oportunidades de mellora da mobilidade que representan a posta en marcha da alta velocidade ferroviaria ou o bo funcionamento do Plan de Transporte Metropolitano.
A licitación do contrato ten un prazo de execución de 12 meses, 6 para o proxecto básico e outros 6 para o proxecto de execución, realizarase nos vindeiros días.
O proxecto inclúe o deseño e definición das obras correspondentes á estación de autobuses e ao aparcadoiro para turismos, así como á praza pública e urbanización da Avenida da Sardiñeira.
A redacción do proxecto construtivo deberá elaborarse tomando como base a información arroxada polos estudos previos de necesidades elaborados o pasado ano, e que incluiron un programa de requisitos para a nova estación de autobuses, a proposta de reordenación de liñas de autobús tendo en conta o novo emprazamento, e as análises de tráfico e da capacidade xeométrica do viario.
Deses estudos realizados despréndese que para a nova estación de autobuses se precisan 30 dársenas para servizos interurbanos soterradas; 5 dársenas para buses metropolitanos a cota da Avenida Sardiñeira e un edificio de servizos de 1.000 m2.
No relativo aos accesos rodados, será necesaria a execución dun novo viariol de conexión entre a Avenida de Arteixo e a da Sardiñeira e dúas novas glorietas situadas nos puntos de intersección deste novo vial coas citadas avenidas. Estas actuacións atópanse recollidas no PXOM da Coruña e está prevista a súa execución polo Concello.
Coordinación entre administracións
O impulso da estación intermodal da Coruña está a ser coordinado entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, titular da terminal ferroviaria a través do operador Adif, e o Concello da cidade.
Nese marco, a Xunta trasladou o pasado mes de febreiro unha proposta de convenio ao Ministerio de Fomento e a Administración local Concello da Coruña no que se plasman as actuacións que se entende que debe acometer cada unha das administracións implicadas.
Conforme ao recollido nese convenio, a Xunta encargarase de redactar o proxecto básico e de execución da nova terminal de autobuses, así como de executar as obras correspondentes aos proxectos redactados.
Pola súa banda, o Concello da Coruña deberá tramitar ata a súa aprobación definitiva as modificacións necesarias no planeamento urbanístico para a súa adaptación ás actuacións previstas. Tamén lle corresponderá redactar os proxectos, executar e financiar as obras relativas aos accesos, así como poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para as actuacións. Ademais deberá financiar dentro da actuación conxunta co Goberno galego as accións referentes ao aparcadoiro para turismos e á praza pública e urbanización da Avenida de Sardiñeira.
O ADIF terá que redactar os proxectos, executar e financiar as obras da parte correspondente á estación ferroviaria.











